Partido Popular de Lugo

É ILÓXICO QUE BNG E PSOE PIDAN EXPLICACIÓNS Á CONSELLERÍA DO MAR DUNHAS SUPOSTAS IRREGULARIDADES NUNHAS AXUDAS CANDO ELES ESTIVERON CATRO ANOS SEN FACER NADA

Santiago, 14 de xaneiro de 2011.- O voceiro de Mar do Grupo Popular cualificou hoxe de “improcedente e ilóxico” que os partidos da oposición pidan explicacións á Consellería por unhas supostas irregularidades nunhas axudas, cando durante os 4 anos nos que gobernaron “non deron conta da existencia de irregularidade algunha” sobre estas axudas. “Durante a pasada lexislatura, non levaron adiante ningún tipo de actuación, investigación ou estudo”, apuntou o deputado, quen indicou que, en calquera caso, se PSOE e BNG teñen constancia de irregularidade algunha “non deberían convocar roldas de prensa, senón acudir ante a Xustiza”. Se non o fan, engadiu, “é probablemente porque están especulando, porque se están a basear en rumoroloxía e simples suposicións”.

O parlamentario resaltou que do único que ata o momento hai constancia é de que a Fiscalía pediu que se investiguen uns feitos “non cometidos por ningún responsable autonómico, senón que afectan a un cidadán particular” sobre o que non existe polo de agora acusación formal e que “goza da mesma presunción de inocencia que ten calquera outra persoa”, presunción “que como  mínimo deberíamos respectar”.

Balseiro achaca á “loita de poder dentro do PSOE” a difusión desta “rumoroloxía”, como “xeito que atopou a señora Soneira para meter o dedo no ollo a Carmen Gallego”, xa que ambas “queren ser as que falen de Pesca” nese partido. Nese sentido, preguntou por qué Marisol Soneira “non pide explicacións á súa compañeira de partido, a Carmen Gallego”, que fora responsable de Pesca no Bipartito e “non apreciou irregularidade algunha”.

Do mesmo xeito, preguntoulles tamén aos nacionalistas por qué non reclamaron explicacións daquela “aos seus socios na Consellería do Mar”, e pediu a ambos partidos “que non busquen xerar alarmas polo simple feito de gañar titulares nos xornais” e que, pola contra, “se preocupen de cuestións que de verdade son importantes para o sector pesqueiro”, entre as que citou “a mala negociación do Ministerio de Medio Mariño” ou o recorte nas cotas de pesca para 2011.