Partido Popular de Lugo

BALSEIRO: PSOE E BNG PERDERON TODA CREDIBILIDADE, XA NON LLES CREN, E POR ISO FRACASOU A MANIFESTACIÓN

A Mariña, 26 de xuño de 2010.- O secretario xeral do Partido Popular na provincia de Lugo, Jose Manuel Balseiro Orol, cualificou como fracaso a manifestación convocada pola plataforma sanitaria que instrumentaliza PSOE e BNG e que tivo lugar no día de hoxe en Burela. Socialistas e nacionalistas non foron quen de mobilizar nin aos seus propios afiliados pois o número total de participantes non superou os 1.500, todo iso a pesar de que se tiñan fletado autobuses procedentes de Vigo, O Barco e Monforte. Os argumentos empregados polos convocantes non convenceron a unha maioría de veciños da comarca nin tampouco aos comerciantes de Burela que abriron as súas portas pese aos emprazamentos da plataforma para que os pecharan.

Jose Manuel Balseiro amosa a súa satisfacción polo comportamento dos veciños da Mariña que co seu rexeitamento maioritario á mobilización que instrumentalizaba PSOE e BNG outorgaron a confianza debida ás palabras do Presidente da Xunta e da conselleira de Sanidade quen repetidamente veñen de garantir a autonomía da área sanitaria da Mariña e o seu compromiso serio para o reforzo da carteira de especialidades, servizos e novas dotacións tecnolóxicas e investimentos para o Hospital da Costa.

NON ENCHERON A PRAZA DA MARIÑA.- O secretario xeral dos populares lucenses insiste en salientar que a praza da Mariña de Burela, lugar onde tivo lugar o remate da protesta e se leron os distintos comunicados non estaba chea, dando mostra do fracaso da convocatoria. Este espazo de aproximadamente 900 metros cadrados, non estaba cheo polo que, facendo un cálculo de 3 persoas por metro cadrado, o número de manifestantes nin se achegou aos 1.500.

RESPECTO CRÍTICO.- Balsiero Orol sinalou finalmente que malia que respecta ás persoas que decidiron secundar a manifestación e, de xeito destacado, ás que o fixeron de boa fe, a maioría dos veciños da Mariña deron conta de que cada vez se cre menos o discurso do PSOE e do BNG. Está máis que claro que os mariñáns na súa maioría foron conscientes de que esta era una manifestación política baseada en argumentos absurdos e sen fundamento: Non hai partido político máis comprometido coa sanidade na Mariña e con esta comarca que o Partido Popular e o Hospital da Costa lonxe de perder sairá reforzado coa xestión do Goberno que lidera Alberto Núñez Feijoo.