Partido Popular de Lugo

O ALCALDE DE BURELA (PSOE) NON SE ABSTIVO DE PARTICIPAR NO TRIBUNAL DE SELECCIÓN DO PACTO POLO EMPREGO NO QUE SE CONTRATOU A UNHA CONCELLEIRA DO SEU EQUIPO DE GOBERNO

Santiago, 28 de maio de 2010.-  O director xeral de Promoción do Emprego da Xunta de Galicia, Andrés Hermida, confirmou en resposta a unha iniciativa do deputado popular Jose Manuel Balseiro, que o Alcalde  de Burela, o socialista Alfredo Llano García, non se abstivo de participar no tribunal de selección do pacto polo emprego da Mariña no que se contratou a unha concelleira do seu equipo de goberno.

Tanto o representante do Goberno galego como o deputado popular coincidiron en que a abstención é un mecanismo previsto na lexislación administrativa vixente, “que tamén debera aplicarse a este tipo de oficinas que, aínda que non son administración en sentido estricto, si manexan fondos públicos”. Esta medida persegue impedir que participen na adopción das decisións dos procesos de selección aqueles suxeitos nos que concorran circunstancias que non garantan  a súa actuación obxectiva e imparcial, como era este caso pola súa vinculación persoal e política con unha das participantes.

Andrés Hermida tamén ratificou que Alfredo Llano foi o único alcalde en Galicia que participou no proceso de selección de persoal dos técnicos dos pactos territoriais o que evidencia a politización que se pretendía destes organismos. Tamén indicou que as entrevistas persoais foron determinantes para a contratación de moitos destes traballadores, por riba dos resultados da simple valoración de méritos. Balseiro quixo deixar claro que non cuestiona o dereito de calquera persoa, pertenza ao partido que pertenza, a participar nun proceso de selección de persoal, pero lembra que desde o punto de vista ético e formal o alcalde debera ter abandonado ese tribunal.