Partido Popular de Lugo

Jaime Castiñeira, candidato do Partido Popular á alcaldía de Lugo

Santiago, a 29 de maio de 2010.- Jaime Castiñeira foi proclamado hoxe candidato do Partido Popular á alcaldía de Lugo nun acto celebrado en Santiago no que foron presentados os aspirantes populares ás sete grandes cidades de Galicia.

Durante o acto, o presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que “aspiramos a sete victorias e a sete alcaldías” nas vindeiras eleccións municipais, “por iso o partido non ve en vós candidatos, senón alcaldes”, engadiu en referencia aos candidatos recén presentados.

Durante o seu discurso, Feijóo contrapuxo a austeridade que el mesmo instalou na Xunta dende o primeiro día ao xeito de proceder tanto do Goberno central, “que tardou máis de seis anos en falar de austeridade”, como dos Gobernos bipartitos nos concellos de Galicia, “que teñen máis de 200 asesores” que pagan os galegos, unha situación que el mesmo cambiou na Xunta de Galicia reducindo á metade o número de asesores para dispor de máis cartos para gasto social.

De feito, o presidente calificou o momento que estamos a vivir como “o peor para os cidadáns” por mor do paro –coa maior taxa da historia de España-, a suba do IVE e “dous días despois de que aos traballadores, dependentes, familias e pensionistas, premendo un botón, o Goberno lles teña condenado a pagar os seus propios erros”.

Por iso, o presidente do PPdeG advertiu aos candidatos: “nunca un Goberno local tomará posesión nun momento de tanta dificultade”. Asimesmo afirmou que “sei do que falo”. “Sodes políticos pola vosa vocación de servizo, e candidatos porque amades ás vosas cidades, pero sabede dende hoxe que chegaredes no momento no que as vosas cidades precisan máis dun bo servizo”.

Así mesmo, Feijóo pediu aos candidatos populares que non copien as receitas de Rodríguez Zapatero e non gasten o que non teñen e defendeu a unidade do PPdeG, un proxecto común con moitos escenarios “no que dicimos o mesmo en Vigo que en Santiago e en Lugo que na Coruña” e o contrapuxo a outros modelos nos que “os alcaldes fanse donos das cidades”.

JAIME CASTIÑEIRA.- Núñez Feijóo presentou o candidato lucense como «un exemplo de esforzo e dedicación, traballo discreto e intenso fronte ás poses ou flashes». Castiñeira, pola súa banda, agradeceu a confianza depositada nel e prometeu «traballo, traballo e ilusión» para «acadar a alcaldía» porque, segundo salientou, «Lugo merece un alcalde do PP e ese alcalde vou ser eu».