Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2009.- Feijóo, Rueda, Miranda, Ruíz Rivas, deputados autonómicos, presidentes das comisións sectoriais, coordinadores de área, presidentes provinciais, deputados do Congreso e Senadores do PPdeG acudirán á Convención Nacional do PP.
A Convención terá lugar este ano en Barcelona a vindeira fin de semana (do 13 ao 15 de novembro, ambos inclusive). Nela vanse dar cita máis de tres milleiros de persoas chegadas de todos os rincóns de España, entre eles, máis de 60 representantes do PP de Galicia.
O evento vai xirar arredor do cambio e a alternativa que precisa España. Ana Mato, vicesecretaria de Organización do PP, afirmou que na Convención de Barcelona o PP “quere demostrar as súas renovadas propostas”.
De feito, o Partido Popular segue esforzándose por manter o contacto coa sociedade e na convención preténdense abrir as portas e as ventás do partido á sociedade, de xeito que sexa esta a que fale ao partido e non ao revés. Polo tanto, a Convención se plantexa como un foro de debate cos cidadáns.
Ademais das habituais sesións de traballo, vanse celebrar nove mesas centradas, entre outros temas, na economía, a enerxía, o medio ambiente, a educación, a responsabilidade e os valores. En cada unha delas asistirán expertos nas materias.
Paralelamente vanse celebrar tamén actividades que se denominarán “Espacios Abiertos de Participación de la Sociedad”, nos que intervirán xente nova, empresarios e autónomos.
En definitiva, trátase do acto máis importante deste cuadrimestre do PP, un evento que vai xirar arredor do concepto de cambio, do cambio posible e, sobre todo, do cambio preciso.
Os membros do PPdeG viaxan a Barcelona coa satisfacción de ter a misión cumprida, pois dende o 1 de marzo en Galicia estase a demostrar non só que o cambio é posible, senón que unha vez se produxo está a ser beneficioso para Galicia.
De feito, a representación do PP galego –integrada tamén, entre outros, por Ana Pastor, Francisco Millán Mon ou Carmen Fraga- leva a Barcelona o seu apoio a presidenta do PP rexional de Cataluña, Alicia Sánchez Camacho, a quen lle queren trasladar que o cambio é posible.