Partido Popular de Lugo

O PARLAMENTO DE GALICIA ACORDA POR UNANIMIDADE RECLAMAR AO GOBERNO CENTRAL QUE OS PAGOS DAS AXUDAS POLA PARALIZACIÓN TEMPORAL DA FLOTA SE ABONEN AO FINALIZAR O PERÍODO NO QUE SE ESTABLECEU A PARADA

Santiago, 12 de novembro de 2009.- O Parlamento de Galicia acordou, a iniciativa do Grupo Popular, e co apoio de todas as forzas políticas, reclamar ao Goberno central que os pagos das axudas polas paralizacións temporais da flota se abonen ao finalizar o período no que se establece a parada e evitar así o que acontece a día de hoxe, cando o Executivo socialista de Zapatero aínda adebeda gran parte das contías correspondentes ao ano 2008.

A través dun pronunciamento unánime, os grupos políticos galegos emprazan ao Goberno central a acometer a modificación do actual sistema de pagamento de tal xeito que poidan realizarse os abonos “con celeridade e cando de verdade son necesarios”. De feito, o acordo require ao Executivo socialista que naqueles casos nos que a paralización de  actividade supere os 30 días, os abonos deben efectuarse  a mes vencido, como si se tratase  dun salario.

O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro Orol explicou que esta modificación beneficiaria  aos mariñeiros das flotas de palangre  de  superficie, Gran Sol e caladoiro nacional que cada ano están obrigados a soportar un cese na súa actividade pesqueira decretado polo Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño conforme ao disposto na lexislación europea.

O acordo final, transacionado por PP, PSdeG e BNG, pide tamén ao Executivo central que proceda a descontar automaticamente das axudas que deben percibir os mariñeiros as cantidades  correspondentes á prestación por desemprego, de tal xeito que non suceda como na actualidade, cando desde a administración central se lles está obrigando a reintegrar as cantidades percibidas  en  concepto de paro, nun só pagamento  e de xeito íntegro, se queren recibir a axuda correspondente. Como é lóxico, moitos mariñeiros non poden facer fronte a este requirimento xa que, durante o tempo no que está amarrado o barco, non perciben ningún  tipo de  ingreso, e xa esgotaron a súa prestación para a subsistencia da súa familia e gastos propios da súa vida diaria.

O acordo final pide tamén que a Xunta poña en  marcha unha campaña  de  información, dirixida aos tripulantes, e a  través das que se modifique a existencia,  garantías e proceso de tramitación das devanditas axudas.

LENTITUDE ADMINISTRATIVA.- José Manuel Balseiro Orol, autor desta iniciativa, explicou que os mariñeiros “non teñen porque verse prexudicados polo colapso burocrático, a lentitude administrativa e a falta de interese” do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, nin soportar longos períodos de tempo sen obter os seus ingresos, “máxime agora que a crise repercute con especial virulencia nas economías familiares das xentes do mar”. O voceiro do Mar do PPdeG lembrou tamén a “falta de sensibilidade” do Goberno central actual para con estas flotas xa que lonxe de mellorar os procedementos polos que se outorgan este tipo de axudas “están a empeoralos”. O voceiro do Mar afonda neste argumento e explica que na actualidade o Executivo de Zapatero se demorou en exceso na publicación da orde de axudas para mariñeiros –que apareceu en xullo, cando en moitos casos as paradas xa se tiña efectuadas nos meses de novembro e decembro-.