Partido Popular de Lugo

ALCALDES E VOCEIROS LOCAIS DO PP PROMOVERÁN UN ACORDO PLENARIO INSTANDO Á CREACIÓN DUNHA AUTORIDADE PORTUARIA PROPIA, E Á CONSIGNACIÓN DOS CARTOS NECESARIOS PARA A APERTURA AO TRÁFICO COMERCIAL DO DIQUE DE MORÁS

A Mariña, 10 de novembro de 2009.-  Despois de que o Ente Público autonómico Portos de Galicia anunciara a disposición favorable do actual Goberno galego para a creación dun novo porto comercial xeral aproveitando o dique de Morás e tamén respecto da creación dunha autoridade portuaria propia para a nosa provincia, os distintos alcaldes e voceiros locais do Partido Popular na nosa comarca promoverán a adopción dun acordo municipal plenario instando ao Goberno central –que é a administración competente- á facer realidade estes obxectivos.

A fórmula escollida para facer efectiva esta reclamación será a través da presentación dunha iniciativa (proposta de alcaldía ou moción municipal) que fará extensible este debate nas distintas Corporacións da comarca. Deste xeito, os populares pretenden poñer de relevo o apoio dos entes locais ante unha reivindicación histórica da sociedade mariñá.

Sobra explicar os efectos altamente positivos que a creación dun novo porto comercial suporía para o conxunto dos concellos da Mariña así como para a situación económica comarcal. Redundaría non só achegando novas  oportunidades de emprego e riqueza senón tamén novas empresas que aproveitarían este porto para transportar as súas mercadorías. Se esta infraestrutura ademais pode ser completada coa creación dun ente xestor portuario autónomo exclusivo para a nosa provincia, garantiríamos que os beneficios xerados por este novo porto quedaran na Mariña, e puideran ser investidos na súa totalidade na nosa comarca.

O Partido Popular inclúe tamén na súa iniciativa outras peticións: Por unha banda, demandan o Goberno central habilite unha partida orzamentaria específica dentro dos Presupostos Xerais do Estado, en cantidade suficiente para acometer os estudos e trámites administrativos previos á apertura do dique norte de Alcoa. Algo que o Executivo de Zapatero vén negando nos últimos anos.

UNHA ÚLTIMA OPORTUNIDADE PARA O BNG.- Tampouco o BNG está a manter unha posición coherente a este respecto xa que,  malia que ano tras ano afirma que condicionará o seu apoio aos orzamentos do Goberno central da existencia de consignación orzamentaria para a apertura do novo porto comercial xeral no dique norte de Alcoa, o certo é que sempre remata apoiando as contas de Zapatero, sen que contemplen esta actuación. Os populares queren dar unha nova oportunidade a esta formación política e ao resto dos grupos municipais para que, co seu voto favorable ao acordo que propoñen, poidan evidenciar o seu compromiso con esta reivindicación histórica.

CARA UNHA AUTORIDADE PORTUARIA PROPIA.- En segundo lugar, o PP pide que as distintas corporacións municipais asuman como propio o acordo unánime acadado no Parlamento de Galicia e, deste xeito, amosen o seu apoio as tarefas que está a desenvolver a Xunta de Galicia para acadar unha maior representación lucense no seo do Consello de Administración da Autoridade Portuaria Ferrol-San Ciprián, con respecto aos representantes de Lugo e, nomeadamente da Mariña. O novo Goberno de Galicia asumiu este obxectivo despois de que, na pasada lexislatura, nin PSOE nin BNG fixeran nada por levalo á práctica.

Co nomeamento de César Aja, Raquel Árias, Pablo Fernández Asensio ou dos alcaldes de Xove ou Cervo (que xa formaban parte do Consello de Administración e que rotan a súa presenza no organismo con carácter anual) increméntase a representación lucense no seo da Autoridade Portuaria e, máis en concreto, no seu órgano de administración encargado de xestionar  os recursos que se ingresan como consecuencia do tráfico portuario tanto nas instalacións de interese xeral de San Ciprián (concesión exclusiva de Alcoa) como no porto de Ferrol. En todo caso, os populares subliñan que avanzar neste camiño –o incremento da representación lucense- non sería máis ca unha medida temporal xa que a pretensión final é moito máis ambiciosa e pasa pola creación dunha autoridade portuaria propia e independente na Mariña.