Partido Popular de Lugo

JOSÉ MANUEL BALSEIRO ASEGURA QUE O PPdeG VOLVERÁ CONVERTER A GALICIA NO REFERENTE DA ACUICULTURA EN EUROPA E NO MUNDO

Santiago, 22 de setembro de 2009.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro, asegurou hoxe que o PPdeG volverá converter a Galicia no referente da Acuicultura en Europa e no Mundo, despois de que durante os catro anos do Goberno anterior da Xunta, “socialistas e nacionalistas, aliados imprudentes na caótica xestión da extinta Consellería de Pesca, non foron quen de promover unha soa instalación acuícola nova” nin de xerar “un só posto de traballo” ou de achegar “o investimento necesario para inxectar riqueza da man da industria acuícola”.

Na comparecencia da conselleira do Mar no Pleno do Parlamento, o portavoz desta área no Grupo Parlamentario Popular resaltou que co plan acuícola da Xunta actual recupérase “o consenso e a cordura”. Balseiro cualificou de “catro anos de parálise” a etapa do bipartito, na que “perdemos, sen posibilidade de volta atrás, varios millóns de euros procedentes dos fondos europeos para o impulso da acuicultura” e na que “o sectarismo e a peculiar maneira de entender a realidade” do anterior Goberno, trouxo consigo “máis inseguridade xurídica e a fuga de investimentos e postos de traballo fóra de Galicia”.

O deputado popular rexeitou que as razóns que xustificaron “o disparatado” mapa acuícola elaborado polo bipartito se basearan nunha preocupación polo medio ambiente, dado que “en espazos como en Merexo, ou con piscifactorías como as de Laxe Brava, Seiruga ou A Xandriña, estaban a realizar un evidente atentado contra estes pobos”. José Manuel Balseiro pediu que socialistas e nacionalistas “falen cun pouco de rigor e deixen de caer na incoherencia de defender unha cousa e a súa contraria”, salientando que o plan do bipartito “mantiña polo menos catro emprazamentos que afectaban parcial ou integramente á Rede Natura ou a outro tipo de espazos de grande riqueza medioambiental”.

TOURIÑÁN CONTA CO APOIO DOS ALCALDES.- Así mesmo, lembrou que “o que a toda presa vostedes aprobaron na pasada lexislatura foi o plan máis discutido e cuestionado do conxunto dos proxectos que impulsou o malogrado Goberno bipartito” e fixo referencia, nese sentido, ao máis dun milleiro de alegacións na súa contra, ás manifestacións veciñais e, en definitiva, “á rebeldía cidadá, que se atopaba unha e outra vez coa xordeira de socialistas e nacionalistas”. Unha rebeldía debida a que o bipartito actuou “expulsando ás empresas galegas cara Portugal e trasladando fóra das nosas fronteiras a posibilidade de xerar riqueza e novos postos de traballo”.

Pola contra, o plan da nova Xunta implica recuperar emprazamentos como o de Touriñán, “que conta co aval e o apoio dos alcaldes da Costa da Morte”, mesmo co daqueles rexedores “que militan nos seus partidos”, mentres que elimina catro emprazamentos que “aglutinan o rexeitamento unánime de todas e todos”. O deputado fixo referencia tamén á incoherencia que o anterior Goberno demostrou cun plan “que acumulaba informes negativos e contraditorios formulados polas consellerías de Medio Ambiente, Política Territorial ou por Patrimonio”, o que reafirma que no bigoberno “non existía un só criterio senón dous”.

Balseiro fixo fincapé en que o PPdeG “sempre compatibilizará os intereses do sector e a necesaria expansión da acuicultura coas xutas aspiracións das poboacións costeiras”, polo que “afastará, na medida do posible, as instalacións dos núcleos de poboación” e, en ningún caso, “recorrerá, como si facían vostedes, á confiscación dos terreos e ás expropiacións masivas aos particulares para a instalación destas piscifactorías”.