Partido Popular de Lugo

O PARTIDO POPULAR ACUSA A PSOE E BNG DE DESPRECIAR ÓS CONCELLOS DA MONTAÑA LUCENSE

Baleira, a 20 de decembro de 2008.- Alcaldes e voceiros do Partido Popular da Montaña lucense, xunto cos deputados autonómicos Manuela López Besteiro e José Manuel Balseiro, criticaron hoxe no Cádavo “o desprecio absoluto” que o bigoberno da Xunta de Galicia amosou para cos concellos afectados ó rexeitar “en bloque” todas as enmendas presentadas ós orzamentos do vindeiro ano.

Para os populares, a actitude do PSOE e do BNG na cámara galega denota a súa incapacidade para “asimilar os conceptos máis básicos do que significa a democracia” e para “recoñecer que as contas para o vindeiro ano discriminan de xeito notorio á Montaña lucense”. 

López Besteiro e Balseiro Orol salientaron neste contexto o feito de que ningunha consellería aceptara ningún cambio nas súas previsións para o 2009 cando “resulta evidente para calquera que estes concellos presentan graves deficiencias en dotacións de carácter social e infraestructuras e que segue sen haber nin rastro do tan manido plan de equilibro territorial”. 

Para os representantes populares está claro que socialistas e nacionalistas “tiñan moi ben repartido o botín dos orzamentos e que dende o primeiro momento non tiñan interese nigún por negociar ou cando menos sopesar as enmendas presentadas polo PP porque calquera modificación suporía desequilibrar a distribución que xa fixeran ente eles”. “O interese partidistas impúxose outra vez sobre o interese xeral dos veciños destes concellos e sobre os principios de racionalidade e de equidade que deben rexir en calquera administración pública”, engadiron.

INFRAESTRUCTURAS VIARIAS E SOCIAIS.- Os populares fixeron reconto da veintena de enmendas presentadas ós orzamentos para os concellos da Montaña lucense para salientar “unha vez máis” que todas as propostas formuladas “responden a unha demanda real e urxente” dos veciños dos municipios afectados. De feito, instalacións para a terceira idade e mellora das infraestructuras viarias centraban a meirande parte das reivindicacións plantexadas polos populares.  

Así, solicitaban a Vicepresidencia a inclusión de partidas para o centro de día de Triacastela por valor de 300.000 euros; así como para as residencias de A Fonsagrada (500.000), Baralla (200.000), Becerreá (500.000), Cervantes (200.000 euros), Ribeira de Piquín (200.000) e Navia de Suarna (200.000 euros).

O ensanche da estrada 621 A Pobra de San Xiao (Láncara- Baralla) por importe de 400.000 euros; a primeira fase da circunvalación de A Fonsagrada, para a que se solicitaban 500.000 euros; o acondicionamento da estrada Becerreá-Sarria (300.000 euros); o acondicionamento da estrada Lugo 710, entre Cádavo e Baralla, obra para a que se demandou 500.000 euros; e a execución da terceira fase da estrada Saa-Becerreá para a que se plantexaba unha partida de dous millóns de euros centraban as enmendas presentadas ós orzamentos da Consellería de Política Territorial.

No que atinxe a Medio Rural, o PP pedía que se asinaran convenios cos todos os concellos da montaña lucense para complentar obras de infraestructuras e mellora rural por importe global de 2.255.000 euros.

A construcción dun albergue de peregrinos en Pedrafita ou da presa do Muradal en A Fonsagrada e a dotación de saneamento rural nos concellos de Meira e Pol foron outras das enmendas presentadas polo PP que “foron rexeitadas de plano polo bigoberno da Xunta de Galicia”.