Partido Popular de Lugo

Feijóo promete un goberno do PP na Xunta “que invista na comunidade sen mirar a cor política dos concellos”

Guitiriz, 22 de decembro de 2008-. Alberto Núñez Feijóo, presidente do Partido Popular de Galicia -.que hoxe visitou oito concellos da Terra Chá- prometeu un goberno do PP na Xunta que invista na comunidade sen ter en conta a cor política dos concellos.

O líder galego concretou en Guitiriz cáles son os obxectivos do seu partido na comarca de cara ás vindeiras eleccións autonómicas de marzo e aclarou que o PP retomará as infraestructuras e os compromisos nos que o bipartito non avanzou nos últimos catro anos. Neste sentido puntualizou que a Xunta  “non investiu onde non goberna” e anunciou que as propostas do PP son para Galicia , non son para os partidos”, en alusión ás políticas discriminatorias impulsadas nos últimos catro anos polo bipartito.

O líder dos populares galegos aproveitou a súa visita aos concellos do interior de Lugo para lembrar as dificultades polas que atravesa o sector lácteo, debidas na súa maior parte a un incremento das importacións. Así, Feijóo comentou que nos últimos catro anos a introducción de leite de Francia creceu un 100% o que provocou unha rebaixa importante no prezo do producto en orixe.

No que se refire ao estado xeral da comarca, Feijóo citou o caso de Vilalba –con máis de 6.000 habitantes- como exemplo da xestión do bipartito na última lexislatura. Neste concello non se investiu nin un só euro dende o 2005, quedou sen pechar unha circunvalación e a ampliación do polígono industrial tampouco se levou a cabo. Igual sorte correron o sistema de saneamento da vila e o futuro Centro Multiusos, que xa estaba comprometido.

40 MILLÓNS DE EUROS PERDIDOS.- O presidente do PPdeG lembrou en Guitiriz a perda de máis de 40 millóns de euros, comprometidos polo Ministerio de Fomento para a construcción do último tramo da autovía Ferrol-Vilalba, que enlazaba Cabreiros- Vilalba.

Neste caso o PSOE admitiu que o Estado abandonase este proxecto tendo  finalmente que facerse cargo do mesmo a Xunta. Para o presidente do PPdeG, este é un exemplo claro do que ocorre “cando non se defenden os intereses de Galicia” e aclarou que con estes cartos poderíanse ter rematadas todas as inversións pendentes na comarca.