Partido Popular de Lugo

O PP DEMANDA Á XUNTA PRETO DE 9 MILLÓNS MÁIS DE INVERSIÓN PARA A MONTAÑA LUCENSE O VINDEIRO ANO

Lugo, a 13 de decembro de 2008.- Correxir a reiterada discriminación a que está a ser sometida a Montaña lucense por parte do Goberno da Xunta de Galicia é o principal obxectivo das preto de vinte enmendas “con nomes e apelidos” presentadas polo Partido Popular “para defender os intereses dos once concellos afectados”, segundo asegurou a deputada Manuela López Besteiro. 

O paquete de enmendas “específicas” para esta comarca suporía “de ser aprobadas”, segundo salientou López Besteiro, incrementar de xeito conxunto o orzamento inicialmente previsto para o 2009 neste concellos en 8.755.000 euros. “Suporía”, segundo salientou, “dar un paso no tan manido plan de reequilibro territorial do que sempre falan o Srs. Touriño e Quintana pero que nunca se concreta em nada”.

Instalacións para a terceira idade e mellora das infraestructuras viarias centran a meirande parte das enmendas presentadas.

Deste xeito, o PP demanda a inclusión nas contas de Vicepresidencia dunha partida para o centro de día de Triacastela por importe de 300.000 euros; así como para as residencias para a terceira idade de A Fonsagrada (500.000), Baralla (200.000), Becerreá (500.000), Cervantes (200.000 euros), Ribeira de Piquín (200.000) e Navia de Suarna (200.000 euros).

No que atinxe á Consellería de Política Territorial as enmendas céntranse no ensanche da estrada 621 A Pobra de San Xiao (Láncara- Baralla) por importe de 400.000 euros; na primeira fase da circunvalación de A Fonsagrada, para a que se solicitan 500.000 euros; para o acondicionamento da estrada Becerreá-Sarria (300.000 euros); para o acondicionamento da estrada Lugo 710, entre Cádavo e Baralla, obra para a que se demandan 500.000 euros; e para a execución da terceira fase da estrada Saa-Becerreá para a que se piden dous millóns de euros.

No que atinxe as contas de Medio rural, o PP presentou enmendas para que se suscriban convenios cos 11 concellos da montaña lucense que permitan complementar obras de infraestructuras e mellora rural. Unha petición que se cuantifica en 2.255.000 euros
Manuel López Besteiro tamén salientou a enmenda que persegue a construcción dun albergue de peregrinos en Pedrafita e para o que se propón unha partida de 300.000 euros, así como, no que atinxe á Consellería de Medio Ambiente, as presentadas para que se leve a cabo a construcción da presa do Muradal en A Fonsagrada (300.000 euros); o saneamento rural nos concellos de Meira (300.000 euros) e Pol (300.000 euros).