Santiago, 12 de decembro de 2008.- A Consellería de Pesca da Xunta continúa incumprindo ata 23 puntos distintos do prego de prescricións técnicas particulares que rexe o contrato de operación técnica de vóo, subministración de repostos, mantemento e administración dos helicópteros do Servizo de Gardacostas de Galicia, segundo un reconto efectuado polo Grupo Parlamentario Popular.
O voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, denuncia que os incumprimentos abarcan aspectos de todo tipo, desde a escaseza das tripulacións dispoñibles ata a ausencia de equipos axeitados para o desenvolvemento das misións aéreas que lles son encomendadas.
Se ben o contrato determina a necesidade de colaborar co servizo de emerxencias médicas 061 para o transporte de feridos, enfermos e calquera tipo de accidentados, os helicópteros do Servizo de Gardacostas (Pesca I e Pesca II) non teñen probado as ancoraxes nin as tomas de corrente a utilizar para padiolas, incubadoras ou calquera outro aparataxe médico necesario para efectuar evacuacións. Tampouco foi elaborado o protocolo necesario para actuacións conxuntas que se podan prestar con servizos doutras Administracións ou corpos e forzas de seguridade, como no referido ao embarque de armas ou calquera tipo de munición a bordo das aeronaves; ni no que debería regular as competencias a asumir polo director técnico.
O PPdeG conclúe que o servizo de Gardacostas non está a ofrecer a formación necesaria ás tripulacións dos helicópteros, e proba diso é que non se lles ofrece o curso de escape de emerxencia en helicóptero emborcado na auga, que todo o persoal debería realizar cada 12 meses.
As carencias de persoal necesario para cubrir todas as quendas de traballo é outra das carencia do Servizo de Gardacostas. Só así se explica que o helicóptero Pesca II quedase estacionado en Alvedro ás poucas horas de se iniciar o dispositivo de busca dos náufragos do Cordero.
MATERIAL INSUFICIENTE.- Outra das conclusións incide en que a roupa de vóo, e especialmente os traxes secos non son os apropiados para utilizar de xeito permanente, nin son novos como esixe o contrato. A tripulación carece do traxe de vóo antiexposición a augas frías que se poda poñer sobre a roupa habitual para axilizar a rapidez na resposta. Só existen catro cascos de vóo para todos os tripulantes, que tamén carecen de luvas de vóo e de espellos de sinais para casos de emerxencia.
As bases carecen, ao mesmo tempo, do casco de rescate “Alpha Rescuer” equipado con radio sumerxible, estipulado no contrato. Os nadadores de rescate tampouco dispoñen de traxe seco trilaminado para misións de rescate e protección ao frío.
Canto aos períodos de descanso estipulados para as tripulacións, evidenciase que non existe ningún “descanso mínimo relevado de toda tarefa”, esixido pola Dirección Xeral de Aviación Civil para os membros das tripulacións das diferentes aeronaves. Tampouco se avalía, nin se retribúe segundo o convenio en vigor, o grao de coñecemento do idioma inglés.
Constátase que non se cumpre o apartado que indica que as tripulacións, persoal de mantemento e administrativo terán dedicación exclusiva, xa que a algúns traballadores se lle asignan tarefas diferentes ás propias dos postos que ocupan. Constan outras irregularidades administrativas, como o incumprimento da obriga de que a empresa achegue un escrito de aceptación por parte de todo o persoal que traballa no servizo aéreo do Gardacostas. Ao PPdeG cóntalle, ademais, que algúns dos manuais de operacións dos Gardacostas foron elaborados sen seguir as normas aeronáuticas da OACI (Organización de Aviación Civil Internacional).
Outras deficiencias consisten na ausencia de autorización da Dirección Xeral de Aviación Civil para operacións de emerxencia cos novos helicópteros e da programación trimestral do persoal de vóo e mantemento que debe ser esixida periodicamente pola Consellería de Pesca da Xunta.
O voceiro de Pesca dos populares galegos engade que malia a sucesión de anomalías que se están a rexistrar, incluíndo o incumprimento do tempo de resposta estipulado, a Xunta non está aplicar as penalizacións recollidas no contrato, A reiteración de algún deses incumprimentos podería provocar, incuso, a rescisión do contrato.