Partido Popular de Lugo

O PPdeG ACUSA A QUINTANA DE ANTEPOÑER A SÚA IDEOLOXÍA SOBRE A PROTECCIÓN DOS MENORES VULNERABLES

Santiago, 26 de novembro de 2008.- A voceira de  Igualdade do Grupo Popular, Susana López Abella, considera que Anxo Quintana antepuxo a súa ideoloxía nacionalista sobre a protección dos menores inmigrantes vulnerables que chegaron a Galicia procedentes de institucións do País Vasco, que os poderían ter convidado a abandonar esa Comunidade á marxe das canles institucionais establecidas a tal efecto.

López Abella efectuou esta reflexión no debate dunha interpelación discutida hoxe no Parlamento e na que reclamou explicacións ao vicepresidente da Igualdade e do Benestar, Anxo Quintana, logo de que este se apresurase a exculpar aos responsables nacionalistas do Goberno vasco, sen agardar a esclarecer as presuntas  responsabilidades sobre o sucedido. 

Hai dúas semanas coñeceuse que tanto a Brigada de Estranxeiría da Policía Nacional como a Policía Autonómica estaban investigando a chegada masiva a Galicia de menores magrebíes procedentes do País Vasco, o que provocou a presentación dunha denuncia ante a Fiscalía. 

A actitude amosada por Quintana ao exculpar ao Goberno vasco do sucedido demostra, a xuízo de López Abella, que a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, que xestiona as competencias de menores en Galicia, “non está á altura das circunstancias” e debe ofrecer unha explicación convincente ao conxunto da sociedade galega.