Partido Popular de Lugo

O PPdeG recorda que Lugo, Ourense e Ferrol continúan pendentes de contar con xulgados específicos de violencia de xénero

Santiago, 25 de novembro de 2008.- Coincidindo coa celebración do Día Internacional da Violencia de Xénero, o PPdeG, recorda a longa nómina de carencias que se rexistran en Galicia para loitar axeitadamente contra esta lacra social que, no que vai de ano, xa custou a vida a tres mulleres na Comunidade Autónoma.

Susana López Abella, vicesecretaria xeral do PPdeG e voceira de Igualdade do Grupo Parlamentario Popular, apunta, como exemplos destas carencias, que a Xunta e o Goberno central continúan sen facer efectivos os xulgados específicos de violencia de xénero nas cidades de Lugo, Ourense e Ferrol, reclamados por un mandato unánime da Cámara autonómica; e que os comprometidos para Santiago de Compostela e para Pontevedra continúan sen entrar en funcionamento.

Con todo, non é esta a única carencia, xa que o déficit denunciado polo PPdeG se extende ao insuficiente número de policías dedicados a tarefas de prevención e loita contra a violencia de xénero, ao tempo que o  protocolo deseñado para valorar o grao de risco ao que se ven sometidas as hipotéticas vítimas resulta pouco efectivo.         

                                                                
ESPECTATIVAS QUE SE ESFUMAN.- Neste escenario, o PPdeG conclúe que as espectativas espertadas coa entrada en vigor da lei integral contra a violencia de xénero se están a esfumar a medida que avanza o tempo, como acreditan informes do propio Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, o informe anual do Defensor del Pueblo ou Amnistía Internacional.

“Malia os discursos grandiolocuentes os actos coloristas organizados estes días, o certo é que as mulleres non están máis protexidas nin se senten mellor atendidas polas Administracións Públicas que nos anos anteriores”, conclúe López Abella.

O PPdeG insiste na necesidade de mudar os estereotipos sexistas que subsisten na sociedade e reclama campañas de sensibilización encamiñadas a fomentar o rexeitamento de todo tipo de violencia entre todos os colectivos, ademais de reforzar os medios materiais e  humanos necesarios para ofrecer unha resposta inmediata e acaída a cada tipo de caso.

INVISIBILIDADE DA MULLER RURAL.- Reclaman tamén os populares galegos a elaboración e posta en marcha dun plan integral de loita contra a violencia de xénero en Galicia, que atenda especialmente á situación das mulleres rurais, as grandes esquecidas cando se abordan este tipo de  problemas.