Partido Popular de Lugo

RAQUEL ARIAS PREGUNTA Ó MINISTERIO DE FOMENTO POLOS PASOS A NIVEL DE MONFORTE

Madrid, a 20 de novembro de 2008.- A deputada Raquel Arias ven de requerir á Ministra de Fomento información sobre a previsión que ten o Goberno central para a supresión dos seis pasos a nivel existentes no casco urbano de Monforte de Lemos.

A deputada popular argumenta a súa petición no feito de que, pese a que ésta é unha cuestión pola que batallaron tanto sectores económicos coma sociales e para a que incluso se barallaron diferentes posibilidades e se redactaron os pertinentes informes técnicos, descoñécese a estas alturas cal é a previsión do Goberno sobre este asunto e incluso se ten tomado xa alguna decisión ó respecto.

Arias faise eco coa presentación desta iniciativa da propia demanda social existente en Monforte e que se viu reactivada recentemente polo desafortunado accidente acontecido hai uns días nun destes pasos a nivel. 

Lembra asimesmo a deputada que destacados membros do Partido Socialista de Lugo fixeron alarde en varias ocasións da inversión realizada polo Goberno central para acadar a supresión de varios pasos a nivel na provincia de Lugo, unhas actuacións das que ano tras ano é excluido o concello de Monforte pese o gran número de pasos existentes e o feito de que se atopen en puntos nos que a densidade de tráfico de vehículos e peóns é moi importante.

A iniciativa da deputada lucense vese complementada pola presentación dunha batería de preguntas por parte de todos os deputados do Grupo Popular de Galicia sobre este asunto nos que se interesan, entre outros aspectos e en referencia específica á Lugo, qué variables emprega o Goberno á hora de priorizar a eliminación dos pasos a nivel existentes nesta provincia, se existe algún estudio relativo ó nivel de risco que supón cada un deles; cales se van a suprimir durante o ano 2009.

Tamén se interesan por saber cales non dispoñen de barreiras, así como o listado dos que foron eliminados dende o ano 2004 e que inversión supuxeron esta actuacións.