Lugo, a 21 de novembro de 2008.- O GPPP quere que a Deputación de Lugo amose contundente e inequívocamente o seu rexeitamento á lacra que supón a violencia de xénero. Para elo levará unha moción ó vindeiro pleno no que demanda á administración provincial que inste a poñer en marcha, tanto á Xunta como ó Goberno central, un paquete de medidas concretas ó entender que a gravidade da situación require accións novas que contribúan dun xeito máis eficaz a loitar contra este tipo de violencia.
Así, no que atinxe á Xunta, os populares avogan porque, de xeito periódico e coordinado cas Corporacións Locais e Centros de Información a Muller, se desenvolvan campañas de información e sensibilización que teñan como obxectivo mudar os estereotipos sexistas, incidindo no rexeitamento social sobre todas as formas de violencia de xénero. Unhas campañas que deberán realizarse de xeito especial nos centros escolares, educativos, sociais, sanitarios, laborais, culturais e deportivos.
Tamén apostan por elaborar un protocolo de actuación específico cos medios de comunicación públicos e privados a fin de realizar campañas publicitarias e informativas, así como programas documentais, centradas na prevención e sensibilización da poboación infantil, xuvenil e adulta, e por poñer en marcha convenios de actuación con outras Administracións Públicas para garantir a difusión das campañas de sensibilización entre os centros dependentes da administración local, administración de xustiza e entre as forzas e corpos de seguridade do Estado e a policía local.
O GPPP quere tamén que a Deputación inste ó Goberno da Xunta a que faga cumprir o acordo unánime do Parlamento de Galicia para que dotar de xulgados específicos de violencia de xénero a Lugo, entre outras cidades galegas, e a elaborar un Plan Exclusivo e Integral de Loita Contra a Violencia de Xénero no que se teña en conta a situación das mulleres no rural.
MÁIS RECURSOS.- No que atinxe ó Goberno do Estado, o GPPP propón ó Pleno da corporación provincial que o inste a adicar os recursos económicos necesarios e imprescindibles para o pleno desenvolvemento e execución da Lei Integral de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero; que incremente o número de policías adicados exclusivamente á protección da muller vítima da violencia de xénero, incidindo especialmente en que estean formados para estas tarefas e con comunicación directa, permanente e personalizada coas vítimas reais ou potenciais e que espalle en todo o territorio nacional as Oficinas de Atención á Vítimas e faga efectiva a asistencia letrada inmediata.
Os populares propoñen asimesmo que se revise o procedemento informático de valoración de risco para vítimas de violencia de xénero co fin de que sexa más efectivo, homoxéneo e axude a diminuír o número de vítimas mortais e que no marco da Lei Integral de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero se inclúan os plans de protección personalizados para vítimas de violencia de xénero.
Ante a celebración o 25 de novembro do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, o Grupo Provincial Popular quere reiterar, coa presentación desta moción, o seu firme compromiso na loita contra unha das peores lacras que sofre a nosa sociedade e que desgraciadamente costa a vida anualmente a decenas de mulleres.
Entenden os populares que os poderes públicos, as institucións, as asociacións e os cidadáns, deben involucrarse de xeito conxunto na loita contra o maltrato que sofren moitas mulleres e que non se pode consentir que a violencia de xénero vaia cada vez a máis.
Salientan, neste contexto, que,a pesar de que se teñen tomado medidas para combater esta lacra tanto no ámbito Estatal como Autonómico coa aprobación, por exemplo, da Ley de Protección Integral contra la Violencia de Género ou a Lei Galega para a Prevención e Tratamento Integral da Violencia de Xénero, o resultado é desolador porque, entre outras cousas, faltan medios e recursos e entenden, ademais, que o funcionamento dos mecanismo que actualmente están en marcha son manifestamente mellorables.