Partido Popular de Lugo

FRONTE Á PROMESA DO PSOE DE UNIVERSALIZAR OS COMEDORES ESCOLARES PARA FAVORECER A CONCILIACIÓN SÓ O 20% DOS ALUMNOS DO ENSINO OBRIGATORIO TEÑEN ASEGURADA A PRESTACIÓN

A Coruña, 11 de setembro de 2008.- O mesmo partido –o PSOE- que prometera ofrecer o acceso ao servizo de comedor escolar a todos os nenos que o precisaran e a apertura dos colexios durante 12 horas diarias para favorecer a conciliación da vila laboral e familiar dos pais, mantén sen materializar eses compromisos, malia que a Consellería do ramo está xestionada polos socialistas. A voceira de Educación do Grupo Popular, Manuela López Besteiro, denuncia que no curso escolar 2008-2009 que hoxe se inicia, tan só terán acceso a comedor escolar público o 20% dos alumnos escolarizados na educación obrigatoria.

Así, unicamente dispoñen de comedor 52.000 dos 260.000 alumnos galegos escolarizados este curso nos diferentes niveis do ensino obrigatorio, malia que a demanda é moi superior, especialmente nas grandes cidades e as súas áreas metropolitanas, como acontece na Coruña e os concellos limítrofes, nos que a porcentaxe de familias con idades escolar supera á media do resto de Galicia. 

Nunha rolda de prensa ofrecida este mediodía na cidade herculina canda Pilar Farjas,  concelleira do PPdeG no Concello da Coruña, Manuela López Besteiro apuntou que do total de 1.200 centros escolares de Galicia, tan só dispoñen de comedor escolar 542, un 45,16%. Sen embargo, só 385 deses comedores son xestionados directamente pola Xunta, xa que un 13,08%  do total (157) son xestionados polas asociacións de nais e pais de alumnos, abocadas a utilizar esta fórmula ante a incapacidade da Xunta para ofrecer ese servizo, que xa utilizan arredor de 10.000 comensais.

A deputada popular cuestionou tamén o “freazo” imposto neste curso escolar pola Consellería de Educación á ampliación do número de prazas nos comedores escolares. De feito, máis de 100 comedores non puideron incrementar a oferta pola negativa da Administración educativa. A negativa foi xeneralizada para aqueles centros que non dispoñen de cociña propia e teñen que utilizar servizos de catering ou cociña centralizada. 

A decisión de Educación de conxelar e mesmo reducir o número de prazas en comedores escolares públicos levou ao presidente da Confederación Galega de Apas de Centros Públicos, Virgilio Gantes, a afirmar que con esa medida se estaban a eliminar os dereitos mínimos da escola pública. A decisión tamén foi cuestionada por sindicatos como o a CIG, que acusou á Xunta de actuar dun xeito autoritario e propagandístico.

MÁIS FAMILIAS OBRIGADAS A PAGAR.- Simultaneamente, as instrucións cursadas por Educación aos centros fixo medrar exponencialmente o volume de familias que neste novo curso deberán aboar o 50% do custe da comida, a pesar de que tiveron comedor escolar de balde ata o de agora. De igual xeito, duplícase o número de usuarios que no curso pasado pagaban o 50%  e que no que agora comeza deberán asumir o 100% do importe. E iso, a pesar de o custe dos comedores escolares de Galicia se sitúa como o segundo máis caro de España, despois de Cataluña, segundo un estudio da propias Apas. 

Ademais, o 30% da poboación escolar que cursa os seus estudos en centros concertados está excluída do financiamento público dos comedores escolares, xa que a Xunta se nega a subvencionalos. 

López Besteiro insistiu en que a oferta de comedores escolares resulta insuficiente, ata o punto de que as Anpas de algúns colexios chegaron a plantexar a Educación a necesidade de aumentar de dous a tres o número de quendas establecidas para poder atender toda a demanda, cos problemas organizativos que tal medida implica.

CONTROL SANITARIO.- A deputada popular tamén chamou a atención sobre a necesidade de que a Consellería de Educación conclúa canto antes a elaboración da Análise de Perigos e Puntos de Control Crítico (APPC) dos comedores escolares, que continúa, aínda sen efectuar a pesar de que outro departamento autonómico, a Consellería de Sanidade, o reclama desde hai xa tres anos. 

Ao mesmo tempo, López Besteiro instou a Sanidade e a Educación a efectuar un control estrito dos menús escolares para velar por unha axeitada composición nutricional e evitar que volvan consumirse nos colexios produtos como o controvertido peixe panga.

O peixe panga,  unha especie de acuicultura de baixa calidade nutritiva, cultívase no contaminado río Mekong, en Vietnam, e saltou á actualidade despois de que o Instituto de Investigacións Mariñas alertase sobre a presenza de contaminantes no delta no que se produce. Posteriormente, o laboratorio de referencia de Anfaco-Cecopesca confirmou a presenza de patóxenos en diferentes lotes comercializados.

OBRAS PENDENTES NA CORUÑA.- Pola súa banda, a concelleira do Grupo Municipal da Coruña, Pilar Farjas expresou o seu descontento pola falta de compromiso da Xunta de Galicia coa cidade e pola falta de liderazgo demostrado polo alcalde, Javier Losada, á hora de esixir que se cumpran as promesas realizadas pola Conselleira de Educación e á hora de executar as obras pendentes do Concello. Neste senso, referiuse á situación do Instituto Eusebio da Garda como o exemplo máis claro dunha obra paradigmática que levamos anos esperando pola súa execución. Farjas lembrou que a Conselleira se comprometeu, fai tres anos, a levar a cabo a reforma do Instituto cun prazo de execución de 3 anos e cun orzamento de tres millóns de euros, polo que xa debería estar rematado este ano e sen embargo a día de hoxe non temos noticia nin de que exista un proxecto. 

A representante popular tamén denunciou que o Goberno local ten pendentes as obras de cubrición de patios de centros educativos comprometidas para este ano 2008: o CEIP de Prácticas, o CEIP López Seoane, o Montel Touzet e o María Barbeito; así como a ausencia de noticias sobre o remate das obras de reforma da polideportiva del CEIP Emilia Pardo Bazán, que levan paralizadas 8 meses por problemas legais. Para Pilar Farjas resulta sorprendente a satisfacción amosada publicamente polo Delegado de Educación da Coruña ante o feito de que se inicie o curso sen prácticamente ningunha obra en execución nos centros educativos coruñeses, “porque o que se está a poñer de manifesto realmente son os incumprimentos da Xunta e a incapacidade do Goberno Municipal para acometer as obras pendentes”.