Partido Popular de Lugo

O PPdeG RECLAMA MEDIDAS COMPENSATORIAS PARA OS GANDEIROS QUE FIXERON INVESTIMENTOS MILLONARIOS PARA MERCAR COTA LÁCTEA, QUE PERDERÁ TODO O SEU VALOR COA LIBERALIZACIÓN DE 2015

Chantada, 12 de setembro de 2008.- O Grupo Popular de Galicia reclamou hoxe un cambio de rumbo na política agrogandeira da Xunta para sacar da crise a un sector que atravesa o seu peor momento desde o ingreso de España na CE. Fixérono, nunha rolda de prensa ofrecida este mediodía na oficina parlamentaria do PPdeG de Chantada, o portavoz de Medio Rural do Grupo Popular, Roberto Castro García, e maila deputada da comarca, Susana López Abella.

Castro García insistiu en que, a pesar das reticencias amosadas ata o de agora polos socios do Executivo autonómico, resulta imprescindible que Xunta e Goberno central negocien con Bruxelas o deseño dun Plan de Indemnizacións para compensar as perdas voluminosas ás que se van ver abocadas as explotacións leiteiras galegas que efectuaron investimentos millonarios para mercar cota láctea. A pesar de que, nalgúns casos, os gandeiros aínda están pagando os empréstitos solicitados para mercar maior capacidade de produción, a liberalización anunciada para o ano 2015 en todo o territorio da Unión Europea  traducirase na perda de valor dese investimentos, cos conseguintes perdas para o patrimonio das explotacións.  

Cálculos recentes sinalan que as explotacións galegas dedicadas ao vacún de leite poderán sufrir unhas perdas patrimoniais valoradas en arredor de 200 millóns de euros. 

EXPLOTACIÓNS EN CAÍDA LIBRE.- Segundo da Consellería do Medio Rural, no ano 2005 había en Galicia 16.322 explotacións, mentres que esa cifra se reduciu a 12.900 en 2008. A pesar da intensidade da caída, todo indica que a redución do número de explotacións de vai acelerar aínda máis nos próximos anos, dada a escasa ou  nula rendibilidade de moitas delas. É máis, segundo Roberto Castro, hai un elevado número de explotacións agrogandeiras que subsisten gracias á liquidez inxectada polas pensións que perciben os membros de máis idade de cada familia.

Os prezos á baixa e a ameaza de non recolllida do leite en orixe teñen como explicación as importacións de leite foráneo, procedente de países excedentarios como Francia. “O  incremento lineal para tódolos estados da UE do 2% de cota está a dar estes resultados tan negativos para España e especialmente para Galicia, primeira produtora láctea do Estado”, indicou Roberto Castro.

GALICIA  TEN O 50% DAS EXPLOTACIÓNS LEITEIRAS.- Roberto Castro entende que, pese ás súas deficiencias, o sistema de cotas de produción é o menos malo dos coñecidos e permitiu a moitos gandeiros galegos  mellorar as súas explotacións e incrementar os rendementos, feito que os animou a mercar aínda máis cota que agora perderá todo o seu valor. “Estes investimentos posibilitaron o crecemento do sector lácteo galego nos últimos anos e, así, a día de hoxe, o noso país produce máis do 38% do leite do Estado español e en Galicia están localizadas máis do 50% das explotacións leiteiras de España”, afirmou o voceiro de Medio Rural do Grupo Popular.

A desaparición do sistema de cotas traducirase, en opinión do PPdeG, nunha cascada de repercusións negativas para a Comunidade Autónoma. Tanto Galicia como o conxunto do Estado incorporaranse ao novo modelo de “competencia en liberdade” partindo dunha situación de agravio comparativo. Mentres que España produce arredor de seis millóns de toneladas de leite ao ano, o seu consumo sitúase en nove millóns de litros. Practicamente ningún dos outros países presenta ese desfase no consumo, que é aproveitado polos competidores dos produtores locais para introducir leite a prezos máis baixos, xa que as súas condicións así llo permiten.

Neste sentido, Roberto Castro advertiu que, a día de hoxe, a gandería galega só sería rendible co prezo do litro de leite situado, en orixe, a un mínimo de 0,5 euros. Sen embargo, na actualidade, os gandeiros perciben, no mellor dos casos, 0,38 céntimos de euros por litro, co que os ingresos do leite non compensan os custes de produción (pensos, abonos, combustible, plásticos, medicamentos, etc).

Os tres concellos que integran a comarca de Chantada concentran preto dun milleiro de explotacións de produción láctea –a carne ten unha importancia residual- que teñen asignado un total de 97.414.094 quilogramos de cota láctea. O maior volume corresponde a Chantada (438 explotacións e 45.492.117 kg de cota), seguido de Taboada (285 explotacións e 31.437.298 kg) e de Carballedo (198 explotacions e 20.484.679 kg de cota).

LINGUA AZUL.- Na mesma rolda de prensa, Susana López Abella anunciou aos xornalistas que o PPdeG asumiu como propia a demanda dos gandeiros que temen ás repercusións negativas da posible aparición de casos de lingua azul na cabana gandeira galega, despois de que todo o territorio da Comunidade Autónoma teña sido declarado zona restrinxida como consecuencia da aparición dun novo caso na comarca asturiana de Grado. 

López Abella confirmou que o Grupo Popular trasladará ao Parlamento unha iniciativa para instar á Xunta a que habilite unha liña de axudas para que os gandeiros que se vexan obrigados a sacrificar unha res afectada pola enfermidade la lingua azul sexa indemnizado cun importe equivalente ao 100% do  valor real do animal. As  indemnizacións establecidas actualmente nin sequera supoñen o 25% do custe da reposición, no caso de que o gandeiro opte por esta vía.