Santiago, 10 de setembro de 2008-. O voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, instou hoxe, á Xunta, a ter un xesto de boa vontade, retirando do novo Plan Acuícola, aprobado recentemente, as catro piscifactorías que xeran un maior rexeitamento social: Merexo (Muxía), A Laxe Brava (Ribeira), Seiruga (Malpica) e Xandriña (Vimianzo). ‘Senón –dixo- o señor Touriño terá que explicarlle aos veciños o respectuoso que é o Bipartito co seu medio ambiente, coa súa paisaxe, coa súa riqueza natural e cos bens culturais e patrimoniais que poderían verse afectados’.
O voceiro popular de Pesca subliñou así que, con máis de un millar de alegacións na súa contra, o novo plan estase a converter no proxecto máis contestado dos elaborados nunca pola consellería de Pesca, aglutinando a oposición frontal de asociacións veciñais, colectivos de propietarios, ecoloxistas, concellos… ‘Estamos a falar dun plan que amosa o rexeitamento unánime de todos os sectores implicados; dun plan, en definitiva, inviable, ineficaz e que non servirá para lograr que Galicia manteña o liderado mundial no sector acuícola’, sentenciou.
UN PLAN QUE SI INVADE ZONAS DA REDE NATURA.- Nun primeiro termo, José Manuel Balseiro considerou unha ‘tomadura de pelo’ que o argumento para rexeitar o anterior plan do Partido Popular fora que nin unha soa planta ía ir na Rede Natura, cando agora se confirma que o novo plan afectará a eses espacios. Neste sentido, lembrou que, segundo os cálculos das organizacións ecoloxistas, máis de 55.870metros cadrados invaden estes espacios naturais.
Diante deste panorama, Balseiro pediu a socialistas e nacionalistas que se descabalguen, xa, da ‘demagoxia medioambiental’.
UN PLAN QUE INTRODUCE LOCALIZACIÓNS INXUSTIFICABLES.- Asimesmo, o voceiro popular lembrou tamén que o novo mapa acuícola, aprobado polo PSOE e o BNG, contén gravísimas carencias, ao incluír emprazamentos para futuros desenvolvementos acuícolas de dubidosa viabilidade técnica e económica. ‘Baixo o pretexto dunha falsa protección medioambiental –explicou- obrigan ao retranqueo de moitos parques acuícolas, máis alá do tecnicamente aceptable e viable’.
Por se isto fora pouco, o voceiro popular subliñou que seremos os galegos os que pagaremos a factura deste plan mal feito, xa que a xustiza pode obrigar a indemnizacións millonarias para todas aquelas empresas que xa teñen anunciado as súas reclamacións, por danos e prexuízos, ao Goberno da Xunta por lesionar, de xeito irreversible, os seus intereses e dereitos. ‘Reclaman que se lles indemnice polo dano emerxente causado, aquelo que xa investiron, e polo lucro cesante, ou aquelas expectativas que deixaron de recibir’, matizou.
UN PLAN QUE PON EN EVIDENCIA A DIVISIÓN DO GOBERNO.- O voceiro popular asegurou que estamos diante dun plan que evidencia a división e falta de entendemento dos dous membros do Bipartito, ‘dun plan –dixo- que, logo das últimas declaracións dos membros do BNG, parece ter sido aprobado por solo a metade do Goberno, a do PSOE, xa que a outra metade, a do BNG, deulle o seu apoio co nariz pechado’.
Neste sentido, pediu aos nacionalistas que deixen de enganar á opinión pública e deixen de seguir explotando ese disfraz de ‘pola mañá somos Goberno e pola tarde somos oposición’.
José Manuel Balseiro, que lembrou que o Plan acuícola do PP era, pola contra, serio e rigoroso, realizado por unha comisión de expertos, consensuado co sector, cos concellos e con garantías de financiamento da Unión Europea, apelou ao sentido común e advertiu ao Executivo autonómico de que aínda está a tempo de rectificar.