Partido Popular de Lugo

O INCREMENTO DO FRACASO ESCOLAR DESAUTORIZA A XESTIÓN DA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E REVELA A INEFICACIA DO SEU PLAN PROA

Santiago, 4 de setembro de 2008.- O incremento do fracaso escolar en Galicia en 1,2 puntos no  primeiro ano de xestión do Goberno bipartito outorga unha cualificación de “deficiente” á conselleira de Educación e revela a absoluta ineficacia do Plan Proa, posto en marcha por ese departamento autonómico co hipotético obxectivo de mellorar o rendemento dos alumnos pero que, na práctica, non pasou de ser unha desculpa para que a Xunta puxera en marcha unha máis das súas innumerables campañas de propaganda. 

Fronte ao deterioro rexistrado no primeiro ano do bipartito, que fai que Galicia descenda do quinto ao sexto posto entre as Comunidades Autónomas con menos fracaso escolar, a voceira de educación do Grupo Popular, Manuela López Besteiro, recorda que cos Goberno do PPdeG se rexistrou un constante descenso do fracaso. 

López Besteiro apunta que de non ter sido pola LOE,  implantada polo Goberno central do PSOE co beneplácito dos socios do bipartito galego, os resultados do estudo sobre fracaso escolar publicado pola revista Magisterio terían sido aínda peores en Galicia. Como exemplos da permisividade derivada desa lei, a deputada recorda que durante o curso pasado puideron  pasar de curso alumnos de ESO con ata 12 asignaturas suspensas e que é posible que un alumno acade o título de graduado en educación secundaria sen ter todas as materias aprobadas. 

Fronte a esa realidade, o PPdeG avoga por dignificar a figura e a autoridade do profesor e apostar pola excelencia educativa, en lugar de rebaixar o grao de esixencia aos alumnos, como sucede actualmente..

Paralelamente, López Besteiro adianta que co fracaso escolar situado nun 25,1% no ano 2006 resulta practicamente imposible que Galicia poda acadar o obxectivo marcado pola UE no cumio de Lisboa, que fixaba nun 10% o abandono escolar temperá máximo a acadar no ano 2010.