Partido Popular de Lugo

O GPPP DENUNCIA QUE O TRATO DA DEPUTACIÓN COS CONCELLOS É PARTIDISTA

Lugo, a 26 de xullo de 2008.- O GPPP considera que a Deputación é partidista no seu trato cos concellos da provincia, o tempo que reitera a súa denuncia sobre o considerable retraso que están a acumular o abono das subvencións dos planos de colaboración coas comunidades veciñais. Unha demora que, despois da pertinente xustificación, pode prolongarse máis de ano e medio. 

O voceiro adxunto do GPPP, José María González Barcia, argumentou a súa crítica baseándose na orde do día da Xunta de Goberno do vindeiro luns, día 28 de xullo, na que se van aprobar nove subvencións. 

Dúas delas corresponden ó plano de 2005. Unha, que conta co preceptivo informe do capataz dende xuño de 2007, acumula, por tanto, un retraso dun ano e un mes; e a outra, seis meses, xa que tem o informe do capataz dende xaneiro deste ano. 

Catro corresponden ó plano de 2006. No que atinxe ás súas xustificacións, dúas contan con rexistro de entrada de hai un ano; outra de outubro de 2007, e outra, sobre a que Barcia fai especial mención, o 22 de decembro de 2006, dispoñendo do informe do capataz dende abril de 2007. 

Tres son do plano de 2007. “Unha delas, correspondente a un concello con alcalde do PP, o Sr. Gato tarda dous meses e medio en mandar ó capataz a inspeccionar a obra e emitir o informe. Nos outros dous casos, ambos gobernados polos socialistas, o tempo que tarda Gato en enviar ó capataz é de catro días nun caso e ¡¡¡un día!!! no outro”. 

Para González Barcia, “é bon que cada quen saque as súas conclusións”, pero, na súa opinión, “está claro que o Sr. Gato usa unha doble moralina que xa non cola senón que principia a repeler”. 

Ademais, segundo indicou o voceiro adxunto popular, “nestes casos o Sr. Deputado-Delegado non está xa lexitimado para aludir a retrasos nin a obstáculos nin a trampas de ningún tipo. É certo, e estas decisión súas así o atestiguan, que anda, como el mesmo recoñecía o outro día, que anda algo distraído, pero a súa distracción restrínxese só a unha parte da provincia: aquela que non pensa coma el. Na outra, a que comulga co seu credo, xa constatamos que o Sr. Gato é rápido e incluso eficiente”. 

Dende o GPPP volveron ademais a acusar de vagancia ós integrantes do bigoberno. González Barcia afirmou neste senso que á Xunta de Goberno do pasado 11 de xullo só asistiron tres dos seus membros: Besteiro, Gato e Sotuela. 

“Xa conseguimos alomenos unha cousa”, engadiu Barcia, “que Besteiro exerza de presidente, ainda que está claro que a calor esta a facer estragos no resto dos deputados do seu equipo de goberno porque á Xunta de Goberno do día 4 deste mes acudiron catro e agora tres… A este paso é bastante doado adiviñar o que pode pasar… E non se poñen colorados, senon que por riba seguen faltando. Está claro que perderon a vergoña, se é que algún día a tiveron”.