Partido Popular de Lugo

O GPPP CONSIDERA QUE A PROPOSTA DA XUNTA SOBRE O TRASPASO DE ESTRADAS Á DEPUTACIÓN NON BENEFICIA Á PROVINCIA

Lugo, a 22 de xullo de 2008.- O GPPP vén de presentar un escrito na Deputación solicitando toda a documentación referida ó traspaso de estradas entre a administración provincial e a Xunta con fin de coñecer polo miudo os termos da proposta feita por ambas institucións. 

Para os populares, o balance que se saca dos quilómetros que pasan dunha administración a outra, de entrada e a tenor da información recollida polos medios de comunicación, é negativo, xa que supón que a Xunta sae gañando e a Deputación perdendo.

Lembran dende o PP que por activa e por pasiva o equipo de goberno provincial insistiu reiteradamente en que a Deputación de Lugo era a que máis quilómetros tiña de rede viaria e que era necesario, por tanto, traspasar tramos á Xunta e ós concellos. A realidade, sen embargo, é ben distinta. Así, o goberno amigo da Xunta endílgalle á Deputación 110 quilómetros a maiores dos que xa había, polo que os populares consideran que a proposta realizada dende a Xunta é inaceptable.  

O GPPP ten a intención de estudar a fondo a documentación solicitada en aras de buscar unha solución que permita defender os interese xerais da provincia. Entenden dende o PP que ampliar o número de quilómetros de estradas de competencia provincial sen as contraprestacións axeitadas non é un bo acordo. Por riba de todo, para o GPPP, deben estar os intereses dos veciños e veciñas desta provincia.

Os populares lamentan asimesmo que á reunión coa conselleira de Política Territorial celebrada para abordar este asunto non asistise o Presidente Gómez Besteiro, cando foi el quen defendeu o traspaso de estradas da Deputación á Xunta, e cando, como quedeu constatado polos medios de comunicación, os demais presidentes das deputacións de Galicia amosaron o seu interese e preocupación polo tema acudindo á xuntanza.

Esto demostra, unha vez máis, ó entender do PP, a ausencia de preocupación de Gómez Besteiro polos problemas que afectan ó conxunto de cidadáns da provincia.