Lugo, a 21 de xullo de 2008.- O GPPP manifestou hoxe que o PSOE carece de argumentos para xustificar o retraso no pago de subvencións do plano de colaboración de comunidades veciñais de 2006 e a demora no pago das de 2007 só é atribuíble a eles mesmos.
Os populares indicaron que na Xunta de Goberno do pasado venres aprobáronse, entre outras, catro subvencións do ano 2006; pero o destacable, segundo salientan, “é que as xustificacións correspondentes foron presentadas, en dous casos, o 22 de xuño de 2007, outra o 14 de decembro de 2007, e outra máis o 28 de decembro do mesmo ano. Como se ve, en dous casos o retraso acumulado é de máis dun ano, e pertencen ó plano de 2006”.
Polo tanto, para o PP, o voceiro socialista Antonio Gato “faría ben en calar porque efectivamente está bastante distraido ultimamente e mesmo nervioso, xa que o mencionado retraso só é achacable ó bigoberno da Deputación e, en ningún caso, ó anterior equipo de goberno”.
O GPPP lembrou que mentres en exercicios anteriores a estas alturas xa estaban concedidas e comunicadas as subvencións do Plano de Colaboración coas Comunidades, neste ano ainda se ven de abrir agora o prazo para presentar a pertinente solicitude, e salientou asimesmo o feito de que detéctase máis celeridade na aprobación das de 2007 no apartado de cultura e deportes que no de obras.
Ó entender dos populares, “Antonio Gato algo terá que dicir neste tema, xa que forma parte da Xunta de Goberno, e non vale o argumento de que houbo un erro na base sexta porque, de ser así, o retraso afectaría a todas as subvencións”.