Lugo, a 25 de xuño de 2008.- O GPPP afirmou hoxe, en rolda de prensa, que o presidente da Deputación mentiu durante oito anos cando votaba en contra do Plano de Obras Comunitarias da Deputación, xa que agora promove un Plano que é prácticamente igual ó da etapa anterior.
Para o voceiro adxunto do GPPP, José María González Barcia, que compareceu xunto co deputado Manuel Lorenzo Varela, “esta práctica política é o máis claro exemplo do filibusterismo e da mentira, porque se alguén, coma é o caso de Besteiro e Martínez, votan reiteradamente en contra dun plano durante oito anos, non se pode ter a cara dura de presentar outro prácticamente igual”.
Para Barcia, a coantía económica do plano é similar, 2.500.000 de euros en 2007, algo máis de 2.200.00 euros en 2008, coa salvedade de que quedan, a maiores, 700.000 euros “discrecionais” para os concellos que se concederán en función do que no seu momento decida a Xunta de Goberno da Deputación.
En segundo lugar, na etapa do goberno do Partido Popular primábase o medio rural de forma específica nas bases; agora, non. Agora, segundo recalcaron os populares, poderanse conceder subvencións para actuacións no medio urbano, co que se perde o criterio de reequilibrio territorial que debe cumplir a Deputación.
En terceiro lugar, segundo González Barcia, inclúese como innovación a creación dunha comisión onde estarán integrados todos os partidos, pero esa mesa é unha mesa de valoración (sin carácter vinculante, por tanto) non de adxudicación, porque quen concede as subvencións en última instancia é o Presidente da Deputación. Ademais, os populares amosaron as súas “dúbidas sobre a boa fe da medida xa que no resto do plano estratéxico non volve a facerse mención a esta figura”.
En cuarto lugar, os socialistas fartáronse no seu día de dicir que non se podía dar estas subvencións a colectivos integrados por dous ou tres veciños, pero agora resultan que si se vai poder facer. Regúlase, de feito, nas propias bases.
En quinto lugar, Barcia lembrou que os socialistas cansáronse de asegurar na súa etapa de oposición que se eles gobernaban acabarían con este plan, porque era, segundo dicían, caciquil, corrupto e clientelar. “Pero agora resulta que o primeiro plan que fan, por ser unha mala copia do anterior e aplicando a súa propia definición, é un plan caciquil, corrupto e clientelar. Conclusión: os socialistas actúan de xeito caciquil, son corruptos e buscan a rentabilidade política a través do clientelismo”.
Por último, tamén fixo referencia a que resulta “algo sospeitoso” que socialistas e nacionalistas, ademais de repartirse as parcelas e os cartos, non sexan capaces de elaborar formalmente o mesmo tipo de bases, puntualizando incluso que as realizados polo BNG “son manifestamente mellores e as do PSOE manifestamente mellorables. O que pon de manifesto que uns traballan máis que outros”.
“Non hai coordinación entre os socios de goberno e éste é un exemplo máis”, concluiu.
González Barcia afirmou que, por todas estas razóns, “este socialismo simpático de Besteiro non resulta creíble. Máxime despois de ver que el non abriu a boca en todo o debate, como tampouco o fixo o Sr. Martínez, látigo neste e noutros asuntos nos últimos dous mandatos de Francisco Cacharro”.
Barcia foi máis lonxe, e afirmou que todos eles mentiron (“só había que ver o pouco entusiasmo de Antonio Gato no primeiro turno, para darse conta delo”, indicou) durante oito anos e actuaron no día de onte “cun cinismo que os descalifica de xeito absoluto”.
Por outra banda, os populares eloxiaron a coherencia das propostas do BNG en materia de axudas culturais e deportivas. González Barcia indicou que confían en que as subvencións cheguen ós 12.000 euros, que era o que se concedía na etapa anterior.
O voceiro adxunto do GPPP apelou a que “haxa cartos para todos, pero non esmolas, non sexa que por querer facer as cousas ben se rebaixen as axudas” aínda que considerou que hai que darlle unha certa marxe de confianza ós nacionalistas.
González Barcia afirmou tamén que cando hai vontade de consenso, vontade que se manifesta alto e claro, como pasou coa moción sobre o plano de igualdade, chéganse a acordos. “Pero o que o PP non vai entrar nunca nos enredos, os líos verbais, e os circunloquios que fai o PSOE, no caso de onte a través de Gato Soengas, e en concreto sobre a moción sobre os prazos do AVE, porque se demostrou que o único que quería o PSOE era liala, e ó final quedouse solo”.