Partido Popular de Lugo

O PP INSTARÁ Á DEPUTACIÓN A QUE FAGA UN PLAN DE IGUALDADE DE OPORTUNIDAES EN RESPOSTA A PETICIÓN REALIZADA POR “MULLERES EN IGUALDADE”

Lugo, a 9 de xuño de 2008.- Unha delegación da Asociación Mulleres en Igualdade entrevistouse esta mañá co voceiro do Grupo provincial do Partido Popular, José Manuel Barreiro, para solicitarlle que a formación que representa presentara na Deputación unha iniciativa tendente a que esta institución elabore un Plan de Igualdade de Oportunidades.

Unha petición que José Manuel Barreiro amosouse disposto, segundo lle trasmitiu durante a reunión, a formular ante o pleno da institución provincial.
Os Plans de Igualdade de Oportunidades son documentos que recollen de maneira ordeada o compromiso institucional de previsión e coordinación dun conxunto de accións positivas que teñen como finalidade consegui-la igualdade real e efectiva entre os homes e as mulleres.
Durante os últimos anos intensificáronse as políticas, programas e actuacións que dende diferentes institucións, organismos e organizacións se viñeron desenvolventdo para propiciar unha participación igualitaria das mulleres na sociedade e garantir non só a igualdade formal senón tamén a igualdade real.
En Galicia, o Goberno de Manuel Fraga puxo en marcha no ano 1992 o “I Plan de igualdade de oportunidades das mulleres galegas”, estando ó fronte do mesmo a daquela conselleira Manuela López Besteiro.
A partir de entón a Xunta veu facendo distintos planes de igualdade ata chegar o “V Plan do goberno galego para a igualdade entre homes e mulleres 2007-2010”.
A nivel estatal nestes momentos está vixente o “IV Plan de Igualdade de Oportunidades”.
Paralelamente son moitos os concellos galegos, moitos deles de pequenas dimensións, que puxeron en marcha os seus propios planes de igualdade recollendo as recomendacións que neste sentido se facían nos propios plan da Xunta.
A Deputación de Pontevedra foi tamén pioneira na posta en marcha do seu propio plan de igualdade de oportunidades,  e son moitas outras as que contan xa con estes plans.
Dende “Mulleres en Igualdade” de Lugo consideramos que a participación activa das mulleres en tódolos ámbitos da vida cotidiana é un elemento fundamental para a correcta vertebración da poboación e o axeitado funcionamento da sociedade, e entendemos que as administracións máis próximas (concellos e deputacións proviniciais) non poden ser alleos ó traballo que neste sentido se ben levando a cabo.

Por este motivo consideramos necesario a elaboración dun Plan de Igualdade por parte da Deputación Provincial de Lugo. Sería, ó noso entender, un paso importante para a concienciación e a toma de decisións respecto de medidas que redunden no obxectivo de  disminuir, ata erradicar, as desigualdades de carácter social, laboral e/ou familiar existentes entre homes e mulleres na nosa provincia, de acadar a igualdade real, e non só legal,  entre homes e mulleres. Por outra banda,  consideramos que este plan debe servir de base para a elaboración dos  plans municipais dos distintos concellos da provincia, dentro da función de amparo, asistencia e axuda que a Deputación ten con respecto dos municipios, e en especial dos máis pequenos.

Este obxectivo acadarase con actuacións que persigan, por un lado promove-la defensa e a garantía do principio de igualdade entre homes e mulleres en tódalas actividades e a tódolos niveis, evaluando os seus posibles efectos; e por outro lado, integrando a Igualdade de Oportunidades en tódalas políticas, medidas e accións que incidan na vida provincial/municipal mediante a cooperación cos concellos e colectivos especializados.
A finalidade última do Plan  debe ser  facilitar a concellos, asociacións, empresas e centros educativos as ferramentas para:
 -Introducir a perspectiva de xénero nas políticas públicas e de empresa
-Cooperar con todo-los axentes implicados: administracións, axentes sociais, asociacións de mulleres e a sociedade en xeral
-Sensibilización e educación

-Conciliación da vida persoal, familiar, laboral

-E, sobre todo, indicir na prevención e erradicación da violencia de xénero