Ribas do Sil, 7 de xuño de 2008.- Os afiliados do Partido Popular de Ribas de Sil respaldaron a única candidatura que se presentou para o comité local e que encabezaba Antonio Rodríguez. A elección tivo lugar durante unha asamblea xeral convocada para tal fin na que participou o Presidente provincial José Manuel Barreiro e o Secretario xeral José Manuel Balseiro.
Rodríguez plantéxase como reto principal da súa nova andaina traballar a reo para fortalecer a formación política e acadar, dentro de tres anos, o respaldo suficiente como para que o Partido Popular poida recuperar a alcaldía.
Neste sentido, indicou que unha das súas pretensións é lograr ampliar o número de afiliados existentes no municipio e que nestes momentos ronda o medio cento de persoas.
Sobre o resto de membros da nova executiva salientou o feito de que hai representación de todas as parroquias do municipio para, deste xeito, coñecer de primeira man as necesidades e demandas de todas as zonas e que nelas haxa tamén alguén que serva de referencia do partido.
Así, ademáis de Antonio Rodríguez, integran a nova xunta local Mario Alvarez, Jesús Ballesteros, José Blanco, María de las Mercedes Franco, José María González, Miguel López, Manuel Núñez, Manuel Otero, Manuel Rodríguez e Jesús Vicente.
Todos eles, xunto co resto dos afiliados e simpatizantes do partido, terán o cometido e a responsabilidade, segundo indicou Rodríguez, de elexir a mellor lista posible para concurrir ás vindeiras eleccións municipais e lograr que o PP sexa a forza maioritaria.
José Manuel Barreiro amosou a súa satisfacción pola elección desta executiva e amosouse convencido de que acadarán bos resultados.
O Presidente dos populares lucenses antes de participar a última hora da tarde de onte na asamblea xeral de Ribas de Sil, mantivo un encontro co Grupo municipal popular de A Pobra do Brollón, que encabeza José Antonio García, á que tamén asistiron outros afiliados e simpatizantes.