Partido Popular de Lugo

A PARALIZACIÓN DO POLÍGONO SUPRAMUNICIPAL DE ALCOA ESTÁ A OCASIONAR UN GRAVE PERXUIZO ECONÓMICO Á MARIÑA, SEGUNDO O PARTIDO POPULAR

Cervo, a 4 de xuño de 2008.- A paralización dalgúns dos proxectos que o anterior Goberno da Xunta de Galicia tiña comprometidos para o municipio de Cervo foi un dos asuntos analizados durante o encontro que os integrantes do Grupo municipal popular deste concello, que lidera Alfonso Villares, xunto con afiliados e simpatizantes, mantiveron co Presidente provincial José Manuel Barreiro. Un encontro no que tamén participou o Secretario xeral da formación política e concelleiro en Cervo José Manuel Balseiro.  

Os populares entenden que a paralización por parte do Goberno que presidente Emilio Pérez Touriño dalgúns proxectos que estaban previsto executar en Cervo están a ocasionar un grave perxuizo a este municipio en particular e á Mariña en xeral. José Manuel Barreiro referiuse especialmente ó polígono supramunicipal que estaba previsto construir nas inmedicacións de Alcoa e que, entre outras cousas, permitiría aproveitar o importante pulo económico que ten esta empresa, así como rentabilizar as propias instalacións portuarias coas que conta.  

Ademais, aínda que só ocuparía terreos ubicados nos municipios de Cervo e Xove, beneficiaría, segundo salientou Barreiro, pola súa céntrica ubicación ó conxunto da comarca Mariña. 

Os populares indicaron que a paralización desta iniciativa “non ten ningún sentido nin hai ningunha razón que a xustifique”. Lembran neste senso que o proxecto, incluido no Plan Galicia, xa estaba redactado e tiña asignado ademais unha partida orzamentaria inicial de 1,5 millóns de euros. 

Nunha situación parecida a ésta atópase o saneamento de San Cibrao que, segundo recalcan dende o PP, tamén quedou consignado por parte do Goberno de Manuel Fraga pero que “desgraciadamente e despois de case catro anos é un proxecto totalmente esquecido”. 

Os integrantes do Partido Popular tamén analizaron a “curiosa” situación que se está a dar na Atalaia e insistiron en que se a relevancia dos restos arqueolóxicos encontrados na zona fainos merecedores de proteccións, a Xunta debería tomar cartas no asunto. 

Lembraron de feito que, a proposta do deputado autonómico José Manuel Balseiro, xa se presentou no Parlamento galego unha iniciativa na que se insta á Consellería de Cultura a que adquira os terreos afectados para proceder á protección do xacemento. 

O encontro mantido polos populares de Cervo co responsable provincial do partido enmárcase dentro do calendario de reunións que José Manuel Barreiro está a desenvolver por toda a provincia para coñecer de primeira man a situación na que se atopan cada un dos municipios e que actuacións están a levar a cabo as agrupacións locais.