Guntín, a 3 de maio de 2008.- A paralización por parte da Xunta de Galicia do proxecto de construcción dunha planta de reciclaxe de plásticos agrícolas no concello de Guntín foi unha das cuestións que saíron a relucir durante o encontro de traballo que mantiveron os responsables do Grupo municipal do Partido Popular de Guntín, que encabeza o rexidor Jesús Carreira, xunto con militantes e simpatizantes da formación, co Presidente provincial José Manuel Barreiro e o Secretario xeral José Manuel Balseiro.
A referida planta, segundo salientou Carreira e o propio Barreiro, era un proxecto compromedio polo anterior Goberno da Xunta e tiña como obxectivo centralizar a recollida e reciclaxe do plástico procedente dos silos e invernadoiros de toda Galicia. Uns residuos que, segundo as estimacións que barallaba daquela o Goberno da Xunta, ascendían a unhas 7.700 toneladas ó ano e supoñen un importante problema aínda por resolver.
A planta tiña, por tanto, o cometido de transformar este residuo procedente da actividade agrogandeira nunha materia prima para a súa posterior reutilización.
O rexidor local indicou que a Xunta non lle deu ningún tipo de explicación sobre as razóns que a levaron á paralizar este proxecto e que, pese a solicitar en varias ocasión unha entrevista co responsable da Consellería de Medio Ambiente para abordar, entre outros, este asunto, non recibiu ata o momento ningunha resposta.
O encontro mantido polos responsables do Partido Popular en Guntín enmárcase dentro do calendario de xuntanzas que o Presidente provincial está levando a cabo por toda a provincia co fin de coñecer de primeira man e de maneira exhaustiva a situación na que se atopa cada un dos concellos de Lugo, así como para establecer as liñas básicas da estratexia política que seguirá o partido durante os vindeiros meses.