Partido Popular de Lugo

LÓPEZ BESTEIRO RECORDA QUE “O RURAL TAMÉN EXISTE” E PIDE A EDUCACIÓN QUE RECTIFIQUE A DECISIÓN DE SUPRIMIR O PRIMEIRO CICLO DA ESO EN 12 CONCELLOS

Santiago, 21 de maio de 2008.- A portavoz de Educación do Grupo Popular, Manuela López Besteiro, recórdalle á Xunta de Galicia que “o rural  tamén existe” e insta á conselleira do ramo a dar marcha atrás na decisión de suprimir o primeiro ciclo de ESO (equivalentes a 7º e 8º da extinguida EXB) en colexios de 12 concellos rurais das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra. 

López Besteiro lamenta que o medio rural sexa un dos grandes esquecidos da política educativa do Goberno bipartito e convida á conselleira Sánchez Piñón a desprenderse dos seus prexuízos urbanitas para coñecer as necesidades específicas que presentan os concellos do interior, aqueixados de problemas específicos que foron excluídos da axenda de prioridades do actual Executivo autonómico. 

O PPdeG asume como propias as demandas dos pais afectados pola supresión do primeiro ciclo de ESO e que mañá se manifestarán en Santiago fronte ás dependencias da Consellería de Educación para reclamar que a Xunta recupere o sentido común e free o desmantelamento de servizos que está a promover no medio rural. 

A anunciada supresión do primeiro ciclo de ESO afectará no próximo curso escolar a un total de 291 alumnos dos concellos lucenses de Abadín, Baleira, O Incio, Paradela, Portomarín, Samos e Triacastela, do ourensán de Cortegada e dos pontevedreses de Covelo, A Golada, Crecente e Arbo. 

INCOHERENCIA DE PSOE E BNG.- Para o Grupo Popular tamén resulta cuestionable a actitude que están a manter neste asunto os grupos que sustentan ao Goberno bipartito, xa que no pasado Pleno do Parlamento rexeitaron unha iniciativa coa que o PPdeG pretendía instar á Xunta a paralizar a supresión do primeiro ciclo da ESO nos concellos afectados. 

Sen embargo, nin PSOE nin BNG tiveron reparo en manifestarse conxuntamente en Lugo o pasado 23 de abril para pedir que a Xunta reconsidere a supresión  deses primeiros ciclos de ESO. Ademais, socialistas e nacionalistas tamén apoiaron en concellos como Triacastela, O  Incio, Arbo, Crecente, A Golada e Covelo, e na Deputación de Lugo as mocións presentadas polo PPdeG para reclamar o mantemento do primeiro ciclo da ESO neses municipios.  

O PPdeG agarda con expectación á manifestación prevista para mañá para ver se socialistas e nacionalistas van protestar fronte á Consellería, como fixeron en Lugo hai un mes.