Partido Popular de Lugo

SOCIALISTAS E NACIONALISTAS NÉGANSE A PARALIZAR A SUPRESIÓN DO PRIMEIRO CICLO DA ESO EN 12 COLEXIOS DE LUGO, OURENSE A PONTEVEDRA

Santiago, 14 de maio de 2008.- Os deputados do  PSOE e do BNG rexeitaron hoxe cos seus votos no Pleno do Parlamento unha proposición non de lei coa que o Grupo Popular reclamaba un cambio de rumbo da Xunta para manter o primeiro ciclo da ESO (equivalentes ao 7º e 8º da antiga EXB) nunha ducia de concellos de Lugo, Ourense e Pontevedra. 

Este comportamento revela a incoherencia de PSOE e BNG, que non teñen reparo en defender a supresión destas unidades no Parlamento, mentres que fóra de Santiago se manifestan reivindicando que se manteña o primeiro ciclo da ESO nos municipios afectados. De feito, socialistas e nacionalistas manifestáronse conxuntamente o pasado 23 de abril en Lugo para pedir que a Xunta reconsidere a supresión  deses primeiros ciclos de ESO. 

Ademais, PSOE e BNG apoiaron nalgúns concellos afectados (Triacastela, O  Incio, Arbo, Crecente, A Golada e Covelo) as mocións presentadas polo PPdeG para reclamar o mantemento do primeiro ciclo da ESO neses municipios.  

“INCOMPETENCIA MÁIS INCOHERENCIA”.- Ante estes feitos, o deputado popular César Pérez Ares acusou a socialistas e nacionalistas de practicar unha política baseada no “I+I, é dicir, Incompetencia máis incoherencia”. 

Lamentou o deputado que a Xunta estea a promover unha estratexia consistente no desmantelamento dos servizos no medio rural, con exemplos como esta supresión de ciclos de ESO en concellos dos interior, o recorte do programa Preescolar na Casa, as anunciadas restricións no servizo de correos ou a falta de resposta da Administración autonómica ante a profunda crise que atravesa o sector primario. 

Neste contexto, o deputado advertiu que “sen labregos, abocados a cesar a actividade por falta de rendibilidade das súas explotacións, e sen nenos, que son obrigados ir estudar desde idades temperás a localidades alonxadas do seu lugar de residencia, non hai esperanza para o campo galego, e semella difícil articular medidas cribles para promover o asentamento da poboación no campo galego”. 

A supresión do primeiro ciclo de ESO afectará a un total de 291 alumnos dos concellos lucenses de Abadín, Baleira, O Incio, Paradela, Portomarín, Samos e Triacastela, do ourensán de Cortegada e dos pontevedreses de Covelo, A Golada, Crecente e Arbo. 

RACANEAN 26 MESTRES, PERO “COLOCAN” A 1.500 CONTRATADOS POLO BIPARTITO.- Pérez Ares recordou que a LOXSE permitiu manter estes ciclos de ESO nos centros nos que se viñan  impartindo e acusou á Consellería de Educación de “racanear” os 26 profesores que estaban atendendo, ata o de agora, aos alumnos que van ser desprazados a partir da supresión das prazas no vindeiro curso escolar.  O deputado popular cuestionou esta actitude da Xunta, que coincide no tempo co anuncio da convocatoria dunhas oposicións á carta que van permitir facer fixas na Administración a 1.500 persoas contratadas polo Goberno bipartito a partir de 2005. 

Algúns dos alumnos afectados polo recorte que pretende impoñer a Consellería de Educación deberán percorrer, a partir do vindeiro curso, distancias de ata 45 quilómetros diarios, saíndo das súas casas ás oito da mañá para regresar contra as tres da tarde.