Partido Popular de Lugo

O GPPP DENUNCIA A PARÁLISE DA DEPUTACIÓN EN MATERIA DE TURISMO

Lugo, a 13 de maio de 2008.- O Grupo Provincial do Partido Popular asegurou hoxe que a política de turismo da Deputación está “en dique seco” como o catamarán Pelegrín I, ubicado na área recreativa dos Robles, na Escola de Piragüismo de Lugo.

O voceiro adxunto do GPPP José María González Barcia asegurou, na rolda de prensa celebrada ó carón deste catamarán, que a día de hoxe o único que fixo a responsable da área de Turismo, a vicepresidenta terceira María José Vega Buján, “foi tres presentacións da mesma cousa en tres lugares distintos, algo que ela denomina Plan Estratéxico de Turismo, pero que presenta unha soa fórmula sin mencións concretas e específicas de cada zona”. 

Fora “desa escenificación de intencións xenéricas”, recalcou Barcia, “non sabemos cal será o papel da Deputación, se é que vai ter algún, nos consorcios e agrupacións de concellos que están funcionando co obxectivo de potenciar e aproveitar os recursos turísticos”.

“Tamén descoñecemos cómo será esa guía tan maravillosa sobre a provincia que nos ten anunciado Vega Buján, nada máis e nada menos que en tres ocasións, e que será, segundo ela mesma dixo, un fito histórico no eido do turismo provincial”, engadiu. 

Do que si ten coñecemento o GPPP, “ademais dos cabreos de Vega Buján co sector empresarial da Zona Sur”, é de que a Deputación “está paralizada en materia de turismo”, do mesmo xeito que está parado o catamarán da área dos Robles. “Temémonos que este verán a actuación en materia turística da Deputación será igual a cero”, augurou o deputado popular. 

As “prediccións” de Barcia baseanse no “lamentable aspecto” que presenta o mencionado catamarán: roubáronlle a roda do timón e a megafonía; está sen baterías; parte do motor está baixo a auga  porque o barco está empopado; converteuse en canal de expresión dos grafiteros; as lonas están rotas e o óxido “apoderouse” de toda a embarcación. “O único positivo é que os responsables provinciais sacáronlle os bancos para reparalos”, puntualizou González Barcia, quen salientou a dificultade que, dada a súa situación, terá a embarcación para voltar a navegar nun periodo de tempo máis ou menos curto. 

 

EXEMPLO DE DEIXADEZ.- Ó entender dos populares, éste  é un exemplo máis da “deixadez, desidia e ausencia de traballo que preside o día a día de Besteiro e o seu bigoberno”. “Moito nos tememos que o Presidente nin tan sequera veu por aquí, como tampouco debeu vir Vega Buján”, engadiu. 

 

O abandono no que se atopa este catamarán non é excepcional, xa que o resto das embarcacións da Deputación están faltas de mantemento (as balsas de salvamento, por exemplo, están sen revisar e o prazo remata este mesmo mes. No caso do Peligrín I nin sequera dispón xa delas), teñen problemas coas lonas e, “o peor”, non están operativos. É o caso dos que están amarrados nos Peares e en  Augasmestas, en Quiroga. O único barco que está operativo neste intre, segundo puntualizou o deputado popular, é o monocasco do Canón do Sil. 

O máis grave, “se é que se pode empeorar máis a situación”, suliñou Barcia, é que tampouco hai ningunha previsión de investimento nos puntos de atraque dos barcos e non se mantivo tampouco ningún contacto (“aínda que se anunciaron”, puntualiza), para promover visitas guiadas aproveitando o itinerario dos barcos. “A falla de iniciativa por parte dos responsables da administración provincial está a provocar demoras importantes nos compromisos con grupos que xa estaban concertados”, indicou. 

Para González Barcia, os concellos son os que están realmente dinamizando e promocionando o seu potencial turístico e o da provincia en xeral  polo que, na súa opinión, Vega Buján debería desviar os cartos do estudio turístico que fixo ou está a facer ás administracións locais porque “así o esforzo económico sería rendible”.