Partido Popular de Lugo

O GPPP ASEGURA QUE O BNG TRAICIONOU ÓS VECIÑOS DOS SETE CONCELLOS NOS QUE A XUNTA SUPRIMIRÁ O PRIMEIRO CICLO DA ESO

Lugo, a 14 de maio de 2008.- O GPPP tacha de “hipócrita e incoherente” a actitude do BNG ó votar hoxe no Parlamento galego en contra dunha proposición non de lei do Grupo Parlamentario Popular na que se pedía o mantemento do primeiro ciclo da ESO en doce municipios de Galicia (oito deles lucenses) cando non hai nin quince días que apoiou unha iniciativa similar na Deputación de Lugo. 

O voceiro do Grupo provincial popular non disimula o seu “estupor” polo “radical cambio de discurso que practican os nacionalistas en función do lugar no que se atopen, rachando coas mínimas e básicas normas de coherencia política” e lamenta “a nova puñalada asestada o agro lucense”. 

José Manuel Barreiro criticou con dureza “esta dobre moral” que, segundo dixo, “terá consecuencias moi graves porque o BNG deixou claro hoxe que está disposto a todo con tal de manter a súa cota de poder”. 

Na opinión do voceiro popular “resulta inexplicable que os mesmos que respaldaron coa súa presencia na manifestación do pasado mes de abril en Lugo as reivindicacións dos pais dos nenos afectados pola decisión de Educación, e que apoiaron ou incluso presentaron iniciativas nesta mesma liña nos concellos afectados, ademais do xa mencionado voto favorable na Deputación, digan agora en Santiago que lles parece ben o que pretende facer a Consellería”. 

Barreiro considera “ineludible” que os responsables do BNG na Deputación de Lugo e nos concellos de Abadín, Baleira, O Incio, Paradela, Portomarín, Samos e Triacastela “den a cara” ante os veciños ós que, por un lado “lles dixeron que conten con eles, pero que á hora da verdade, lles dan as costas e os traicionan descaradamente e sen ningún rubor”. 

Esta actitude, segundo Barreiro, “pon a cada quen no seu sitio e está claro que o BNG non é de fiar”. 

“Os nacionalistas, pese a repetir unha e outra vez que é necesario potenciar o medio rural, non fan, ó igual que os socialistas, nada para converter en realidade os seus conceptos teóricos”, apuntillou.