Partido Popular de Lugo

O PPdeG INSTA Á XUNTA A PARALIZAR A SUPRESIÓN DO PRIMEIRO CICLO DE ESO EN COLEXIOS DE LUGO E PONTEVEDRA

Santiago, 22 de abril de 2008.- A portavoz de Educación do Grupo Popular, Manuela López Besteiro, instou hoxe á Xunta a paralizar a anunciada supresión do primeiro ciclo de E.S.O. nos concellos lucenses de Abadín, Baleira, O Incio, Paradela, Portomarín, Samos e Triacastela e nos pontevedreses de Covelo, A Golada, Crecente e Arbo.

 

 

López Besteiro atribuíu a decisión a un capricho persoal da conselleira de Educación, que aínda que é de Lugo, semella terse convertido nunha “urbanita neoiorquina, descoñecedora e insensible respecto aos problemas que medio rural de Galicia”.

 

 

Para a portavoz de Educación do Grupo Popular, que compareceu acompañada polo voceiro adxunto desta área, César Pérez Ares, a supresión do Primeiro Ciclo de ESO que viña funcionando nos CEIPs deses once concellos foi unha medida sorpresiva, inxusta e autoritaria, que foi adoptada de costas á comunidade educativa, pero tamén sen contar cons alumnos nin pensar nos prexuízos que van causar aos máis de 200 rapaces afectados.

 

 

A xuízo de López Besteiro, xa é hora de que PSOE e BNG deixen de facer “teatro, con cuestións como a Educación, porque non se entende que os dous partidos que sustenten ao Goberno bipartito e, polo tanto apoian á conselleira de Educación no Parlamento, se manifestasen onte en Lugo para pedir que a Xunta reconsidere a supresión  deses primeiros ciclos de ESO, en lugar de asumir a súa propia responsabilidade”..

 

 

“Se realmente están en contra de causar eses prexuízos aos cativos, o que deberían ter feito con anterioridade é trasladar esa postura directamente á Consellería para evitar a adopción de medidas drásticas como as anunciadas”, argumenta a deputada popular.

 

 

Como exemplo dos prexuízos derivados da supresión deses ciclos de ESO, López Besteiro apuntou que algúns alumnos se verán obrigados a efectuar desprazamentos de ata 45 quilómetros diarios, saíndo das súas casas ás oito da mañá para regresar contra as tres da tarde.

 

 

DEMANTELAMENTO EDUCATIVO.- Sorprende que o mesmo Goberno bipartito que anuncia plans de reequilibrio territorial –sen dotación económica específica, nin actuacións extraordinarias- e que aboga por recuperar a vitalidade do medio rural, sexa, ao mesmo tempo, o que elimina equipamentos educativos para concentralos nos principais núcleos de poboación, nunha estratexia de desmantelamento de servizos, contraria a toda lóxica política e pedagóxica.