Partido Popular de Lugo

O PPdeG REITERA QUE É NECESARIO QUE A SOCIEDADE COÑEZA OS FALLOS DE SALVAMENTO DO CORDERO PARA SER INVESTIGADOS E CORRIXIDOS, E EVITAR QUE VOLVAN PRODUCIRSE

Santiago, 23 de abril de 2008.- A sucesión de fallos de coordinación e de funcionamento e as carencias dos diferentes medios aéreos e marítimos que participaron na operación de rescate posterior ao afundimento do pesqueiro Cordero, acontecida na madrugada do pasado 15 de xaneiro, deben ser investigados e corrixidos para evitar que volvan rexistrarse en calquera outro sucesos que se poda producir no futuro.

 

 

Foi o chamamento que efectuou hoxe no Parlamento o portavoz de Pesca do Grupo Popular, José  Manuel Balseiro, nunha interpelación dirixida á conselleira do ramo, que ata o de agora se negou sistematicamente a recoñecer as evidencias e a informar á Cámara sobre unhas anomalías denunciadas por técnicos independentes e polos propios patróns dos barcos que participaron no operativo de rescate. De feito, o PPdeG solicitou a comparecencia dos patróns en sede parlamentaria para explicar todas as anomalías que denunciaran a través dos medios de comunicación, pero os grupos que sustentan ao bipartito impediron que prosperase a proposta.

 

 

Está acreditado que o helicóptero Helimer, con base en Alvedro, que participou no rescate do Cordero non era o habitual desa base e tiña avariado o sistema de visión nocturno, entre outros problemas mecánicos que retrasaron o seu despegue  inicial. O piloto tampouco era o habitual desa base, entre outras anomalías das que existe constancia documental.

 

 

Tamén os dous helicópteros de salvamento da Xunta tiveron problemas. O Pesca I, con base en Vigo, tardou máis de 5 horas en chegar ao lugar do suceso, mentres que o Pesca II, con base en Celeiro tardou máis de dúas horas e media en saír ao rescate da tripulación do barco afundido por mor dun fallo no aparato de radar. A maiores, ese mesmo helicóptero quedou  inmobilizado en Alvedro contra as 07,30 horas por non dispoñer de tripulación de refresco que puidese relevar ao persoal que estivera de servizo na xornada anterior.    

 

 

FALLOS DIVERSOS.- Cando se produciu o suceso, ademais do fallo do radar, os helicópteros da Xunta presentaban outras deficiencias, como a ausencia de equipos de iluminación nocturna axeitados, que levaban oito meses en Estados Unidos pendentes de ser reparados; e a ausencia de cámaras de visión nocturna desde catro meses antes, que non estaban operativas porque a empresa, co consentimento da Xunta, non ofreceu formación aos tripulantes.

 

 

Ademais, o helicóptero de Celeiro levaba ano e medio sen un rescatador e, naquelas datas, contaba con un piloto menos dos necesarios, o que limitou a súa operatividade.

 

 

Así as cousas, ademais dos retrasos na mobilización dos medios aéreos e marítimos, existe constancia de que a zona do afundimento quedou sen helicópteros ata en dúas ocasións diferentes.

 

 

Os patróns dos barcos denunciaron tamén que un pesqueiro que partiu da Coruña despois de que Salvamento Marítimo lanzase o aviso de socorro (May Day Relé) chegou antes á zona do afundimento do Cordero que a embarcación polivalente Irmáns García Nadal, do Gardacostas, que quedaba amarrada a porto e tardou tempo de máis en ser mobilizada.

 

 

Cando naufragou, o Cordero levaba a bordo oito tripulantes. Deles, tres foron rescatados con vida e un xa falecido. Os catro restantes continúan desaparecidos.