Partido Popular de Lugo

PSOE E BNG REXEITAN CONSTRUIR UNHA RESIDENCIA XERIÁTRICA NA FONSAGRADA PARA AFRONTAR O ELEVADO ENVELLECEMENTO DA COMARCA

Santiago, 3 de abril de 2008.- Os deputados do PSOE e do BNG na Comisión de Sanidade e Política Social do Parlamento rexeitaron hoxe unha proposición non de lei na que a deputada popular Manuela López Besteiro instaba á Xunta a dotar á localidade lucense da Fonsagrada dunha residencia xeriátrica coa maior rapidez posible.

 

 

A xuízo de López Besteiro, ese equipamento resulta imprescindible nunha estratexia de desenvolvemento orientada a fixar poboación desa comarca que inclúa actividades económicas alternativas ás tradicional, pero tamén os servizos  públicos necesarios.

 

 

Para López Besteiro, a Fonsagrada reúne as características propias dos concellos do interior da Comunidade, caracterizados por unha intensa recesión poboacional, cun descenso do número de nacementos e un crecente envellecemento. Como exemplo, sinalou que na Fonsagrada están censados 326 rapaces de entre cero e 15 anos; 2.690 persoas de entre 16 e 64 anos; e 1.840 persoas de 65 ou máis anos.

 

 

A deputada popular insistiu en que malia a sucesión de promesas electorais efectuadas aos veciños da Fonsagrada, a residencia xeriátrica tantas veces anunciada continúa sen dotación presupostaria e nin sequera figura no Plan de Reequilibrio Territorial, “seguramente porque ese é un programa literario, sen respaldo económico e que leva á Xunta a esquecer a este municipio lucense”.

 

 

Nesta liña, López Besteiro tamén se congratulou que na Fonsagrada se desenvolva unha experiencia piloto de apagón analóxico, pero cuestionou que, de xeito paralelo, a Xunta promova un “apagón de servizos” para a comarca.

 

 

Para derivar a atención, os grupos que sustentan ao Goberno bipartito formularon unha emenda –que non foi aceptada por López Besteiro, na que propoñían demandar da Xunta a construción dun centro de día na localidade. Tal pretensión non foi aceptada por López Besteiro, por entender que un centro de día non responde ás necesidades dos potenciais usuarios da residencia xeriátrica reclamada polo PPdeG.