Santiago, 5 de marzo de 2008.- O Grupo Popular de Galicia rexistrou na Cámara autonómica unha batería de iniciativas parlamentarias nas que reclama que a Xunta e Goberno central articulen un paquete de medidas de apoio ás empresas pesqueiras que atravesan unha grave crise derivada da subida permanente dos prezos do gasóleo, poñendo en perigo a continuidade do emprego en boa parte delas. O anuncio foi efectuado hoxe polo voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, nunha rolda de prensa celebrada en sede parlamentaria.
Mentres que o prezo do combustible medrou un 127% nos últimos tres anos, e un 327% desde 1997 (pasou de 19,97 pesetas a 85,52 pesetas actuais) a cotización do peixe mantense practicamente nos mesmos niveis ca hai 10 anos, o que explica que, “na actualidade, moitos armadores pescan unicamente para pagar a factura do combustible dos seus barcos, polo que, de manterse a situación, non sería extrano atoparnos a curto prazo con regulacións de emprego masivas en algúns casos”.
Como consecuencia da escala alcista dos combustibles derivados dos hidrocarburos, Balseiro Orol insistiu en que este consumo supón xa, a día de hoxe, arredor do 40% dos gastos de explotación das empresas do sector, cando en condicións normais non debería superar o 20%. Como exemplo, apuntou que un arrastreiro medio consume arredor de 3.000 litros de gasóleo cada día que sae faenar, o que implica un gasto de máis de 30.000 euros por cada marea de 20 días.
Balseiro Orol entende que as axudas de mínimis articuladas polo Goberno central e pola Comisión Europea para facer fronte á crise dos prezos dos anos 2004 e 2005 non resolven problema algún. Ademais, as axudas parciais aboadas a comezos de 2008 corresponden aos compromisos adquiridos polo Goberno para 2005. Non se trata, polo tanto, de axudas novas.
Do mesmo xeito, e a pesar de que a Cámara galega acordou por unanimidade, por proposta do PPdeG, en outubro de 2005, un paquete de medidas para minimizar o impacto da escalada alcista dos combustibles sobre o sector pesqueiro, a Xunta segue sen aplicar esas medidas, facendo caso omiso do mandato parlamentario.
Para facer fronte á situación actual, na que o gasóleo se converteu nun artigo de luxo, o PPdeG propón que os Executivos autonómico e central articulen medidas de choque para frear ao impacto das alzas dos hidrocarburos sobre a economía das empresas e sobre os seus cadros de persoal. As medidas serían, entre outras, as seguintes:
· Creación dun fondo de garantía que permita ás empresas marcar o gasóleo a un prezo estable.
· Exoneración, durante un ano, do pagamento das cotas da Seguridade Social, tanto para os tripulantes como para os armadores dos buques.
· Bonificación do 60% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas.
· Exención do pagamento do imposto de sociedades.
· Intensificación das liñas de I+D+i encamiñadas a intensificar o aforro de combustible, o cambio de motor e do sistema de propulsión nos barcos pesqueiros.
· Posta en marcha dunha liña de axudas específica para financiar as paralizacións temporais, a través de fondos extraordinarios e da reprogramación de fondos europeos.