Partido Popular de Lugo

O HELICÓPTERO PESCA II TAMÉN FALLOU NA OPERACION DE RESCATE DUN FERIDO DO PESQUEIRO SILURE, A PASADA SEMANA

Santiago, 6 de marzo de 2008.- O helicóptero habitual de busca e salvamento dos Gardacostas de Galicia con base en Celeiro, un Sikorsky S-76C+, foi substituído a semana pasada por un aparato de moi inferiores condicións –un Bell 212- que non foi capaz de completar con éxito a evacuación dun mariñeiro do barco Silure, o pasado 27 de febreiro, cando faenaba a unhas 100 millas ao norte de Viveiro. Este fallo puxo en risco a operación e obrigou a intervir ao Helimer, con base na Coruña, retrasando o rescate.

 

 

Segundo informacións que obran en poder do PPdeG, contra as dúas da tarde do pasado 26 de febreiro, a central de Emerxencias 112 preparou a evacuación médica dun tripulante da embarcación Silure e para iso o barco recibe instrucións de acercarse á costa para situarse ao alcance do helicóptero Pesca II da base de Celeiro, dada a recomendación dos facultativos de efectuar a evacuación canto antes.

Nesas datas, o helicóptero habitual da base de Celeiro, un Sikorsky S-76C+, non estaba operativo e a Consellería de Pesca substituino por un modelo Bell 212, máis antigo, con peor equipamento e de moito menor radio de acción. De feito, o Bell 212 foi utilizado hai anos polo Gardacostas, pero foi retirado dese servizo por ter quedado anticuado, xa que non dispón de cámaras de visión nocturna nin equipos de iluminación axeitados. Na actualidade, este tipo de aparellos son empregados na extinción de incendios forestais.

 

 

APARATO AVARIADO.- Con todo, o pesqueiro informa ao médicos que confía en chegar á área do rescate contra as 04,00 ou 05,00 horas da mañanciña do 27 de febreiro. O helicóptero parte de Celeiro cara a área acordada, pero debe regresar á base sen completar o rescate debido a problemas xurdidos durante o vóo, o que provoca que, nada máis tomar terra, o aparato quede fóra de servizo, aínda que a versión oficial de Pesca sinala que a operación de tivo que abortar debido a razóns meteorolóxicas.

 

 

Unha vez máis, Pesca volve mentir, porque esa noite, na zona do rescate sopraba vento de forza catro, con marexada e boa visibilidade, condicións que non impiden un rescate deste tipo.

 

 

O problema xurdido no Pesca II obrigou a mobilizar o Helimer con base en Alvedro, retrasando o rescate durante varias horas, con conseguinte risco para o tripulante que precisaba, segundo os facultativos, unha evacuación inmediata. Afortunadamente, neste caso, non hai que lamentar ningunha vítima.

 

 

ANOMALÍAS SEN XUSTIFICACIÓN.- José Manuel Balseiro, portavoz de Pesca do Grupo Popular, considera que o incidente rexistrado na evacuación do tripulante do Silure eleva a catro os fallos moi graves rexistrados nos helicópteros de salvamento que operan en Galicia nun período de mes e medio. Ao seu xuízo, tal sucesión de anomalías, que non se poden achacar ás tripulacións, senón á incapacidade dos responsables políticos da Xunta e de Fomento, “non teñen xustificación algunha e esixen unha cascada de dimisións en cadea con carácter inmediato”.

 

 

Nos últimos días, o PPdeG denunciou que as carencias dos helicópteros Pesca I e Pesca II fixeron que interviñeran con varias horas de retraso e un deles mesmo chegase a quedar inmobilizado en Alvedro durante as operacións de rescate o Cordero, afundido o pasado 15 de xaneiro. Posteriormente, o 23 de febreiro, un axente da Garda Civil do mar perdeu a vida cando rachou o cabo da grúa do Hemiler que o estaba rescatando. Xa o 28 de febreiro, arreciaron as críticas pola tardanza coa que o Helimer saiu ao rescate dun mariñeiro do arrastreiro Playa de los Quebrantos, que caeu á auga e perdeu a vida a bordo do barco logo de ser rescatado.

 

 

PESCA SEGUIU NEGANDO AS DEFICIENCIAS.- As deficiencias denunciadas en Celeiro non son novas. De feito, hai un mes, José Manuel Balseiro xa advertira destas deficiencias, que levaron a esta base a quedar desatendida durante as noites, sen que a conselleira de Pesca adoptase medida algunha para corrixir as carencias. No seu estilo habitual, a conselleira negou calquera carencia e aludiu a un hipotético conflito sindical para xustificar as denuncias públicas.