Partido Popular de Lugo

O PPdeG FAI UNHA LECTURA CRÍTICA DA LEI DE CREACIÓN DO INSTITUTO DE SEGURIDADE E SAÚDE LABORAL, QUE A XUNTA RETOMA CON DOUS ANOS DE RETRASO

Santiago, 16 de outubro de 2007.- O Grupo Parlamentario Popular efectuou hoxe unha lectura crítica, no Pleno da Cámara, do proxecto de lei polo que se crea e regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, abténdose na votación do texto. Susana López Abella, voceira de Traballo do Grupo Popular, cuestionou con dureza que este texto normativo tardase máis de dous anos en ser aprobado, pese ao constante crecemento da sinistralidade laboral en Galicia. “Semella que o conselleiro de Traballo está máis preocupado por desdebuxar a xestión dos seus antecesores ca en enfrontar, en serio, un problema que non admite medias tintas”, aseverou.

 

DOUS ANOS DE PARÁLISE

Referíase López Abella ao feito de que o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral xa fora creado polo anterior Executivo no ano 2004, coa participación das organizacións sindicais –en contra do que agora afirma Ricardo Varela falseando a realidade- pero que foi o actual conselleiro de Traballo o que derrogou este órgano en novembro de 2005, pouco despois de asumir responsabilidades de Goberno.
 

Ao fío desta matización, a deputada popular recordou que o bipartito sí que se está a esquecer das organizacións sindicais, como sucedeu coa CIG, que foi excluída do Convenio Marco da relacións laborais Norte de Portugal-Galicia, ou que este mesmo sindicato teña abandonado as mesas de diálogo social pola inoperancia da Consellería.

A SINISTRALIDADE LABORAL DISPÁRASE EN GALICIA MENTRES SE REDUCE EN ESPAÑA

A deputada popular insistiu en que resulta ineludible que a Xunta faga fronte ás elevadas cifras de sinistralidade laboral que se rexistran en Galicia, onde este tipo de accidentes aumentaron un 31% nos primeiros cinco meses deste ano. De feito, Galicia é, actualmente, a 5ª CC.AA. con maior número de vítimas mortais en accidentes laborais

A diferencia do que ocorre no conxunto do Estado, onde as mortes por accidente laboral se reduciron un 4,1% no primeiro semestre de 2007 respecto ao mesmo período de 2006, en Galicia inverteuse a  tendencia: as vítimas mortais por accidentes laborais aumentaron un 16% no primeiro semestres deste ano.

 

CATÁLOGO DE ENFERMIDADES PROFESIONAIS

López Abella destacou tamén o espírito construtivo amosado polo Grupo Popular durante o trámite parlamentario desta lei, o que permitiu chegar a acordo en arredor de 20 das 40 emendas formuladas polo PPdeG.

Unha das achegas do PPdeG permitirá intensificar as accións de prevención e formación en materia de riscos laborais nas pequenas e medianas empresas de Galicia, que supoñen o 95% do tecido empresarial da Comunidade Autónoma. Outra das emendas negociadas e incorporadas ao texto obrigará á Xunta a elaborar un catálogo de enfermidades profesionais, de especial importancia para sectores como a industria, a pesca, a agricultura ou o marisqueo.