Santiago, 5 de outubro de 2007.- O anteproxecto de lei de Pesca que está a ultimar a Xunta de Galicia creou unha fonda preocupación no sector mexilloeiro galego na medida en que condiciona a estabilidade na concesión das bateas instaladas actualmente nas rías galegas, abre a porta a prácticas de favoritismo na concesión de novos permisos nun futuro próximo e mesmo ampara a expropiación encuberta das bateas existentes.
O voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, xa se reuniu con representantes do sector mexilloeiro galego para analizar as repercusións negativas que terá sobre o sector a norma que pretende aprobar o Goberno bipartito. Os representantes dos mexilloeiros que operan actualmente en Galicia amosaron a súa preocupación polos efectos dunha norma que levará incerteza e inseguridade aos titulares das bateas, unha vez que as concesións alcancen os trinta anos.
TEXTO ALTERNATIVO DO PPdeG
O deputado popular alerta que a desregulación que pretende acometer o bipartito podería conducir ao sector mexilloeiro a unha situación similar á que atravesou ao rematar o mandato do Goberno bipartito e que tivo que resolver posteriormente o Executivo do PPdeG. O Grupo Parlamentario Popular rexistrou recentemente unha proposición de lei de Pesca alternativa á que continúa a elaborar o Goberno, máis de dous anos despois de tomar posesión.
O PPdeG retoma así o texto elaborado na anterior lexislatura polo PPdeG logo de consensualo co sector e agarda que sexa tomado en consideración para contribuír a superar a situación de parálise normativa na que está inmersa a Consellería que dirixe Carmen Gallego. De feito, a conselleira, que ao inicio da lexislatura prometera ao sector que ía presentar un borrador de reforma da Lei de Pesca de 1993 no primeiro anmo do bipartito, continúa sendo incapaz de cumprir a súa palabra.
Do esforzo desenvolvido polo equipo de Pesca do anterior Goberno resultou un texto consensuado, que só precisaba dunha derradeira rolda de consultas co sector. Sen embargo, a convocatoria das Eleccións en 2005 impediu completar a tramitación parlamentaria deste proxecto como era a intención do anterior Executivo autonómico.