Partido Popular de Lugo

O NOVO PLAN DE ACUICULTURA OBRIGARÁ A MÁIS EMPRESAS A ASENTARSE EN PORTUGAL PORQUE A XUNTA PLANTEXA PROXECTOS TECNICA E ECONOMICAMENTE INVIABLES

Santiago, 17 de outubro de 2007.- O novo plan de acuicultura que promove o Goberno bipartito despois de ter provocado, durante máis de dous anos, a absoluta paralización dun sector no que Galicia era líder mundial, plantexa proxectos inviables desde o punto de vista técnico e económico, o que forzará a outras empresas a seguir o camiño de Pescanova e trasladar os seus centros de produción a Portugal. Desvelouno esta mañá o voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, ao formular unha interpelación dirixida á conselleira de Pesca, nun intento de superar a negativa de Carme Gallego a debater sobre este asunto na Cámara galega.

 

Detrás desa negativa agóchanse as enormes eivas que presenta o documento elaborado polo bipartito, que provocou unha reacción de unánime rexeitamento social –ecoloxistas, particulares, concellos, veciños afectados, colexios profesionais, sindicatos e universidades, entre outros- ata o punto de que xa se rexistraron 1.044 alegacións en contra do plan, pese a que este só incorpora 8 novos proxectos acuícolas respecto aos previstos polo anterior Goberno do PPdeG.

 

SOLUCIÓNS INVIABLES

 

Balseiro Orol insistiu en que o novo plan, ademais de non satisfacer as expectativas dun sector que pretendía continuar situando a Galicia á fronte da produción acuícola internacional, plantexa solucións non viables.

 

Todos os expertos coinciden en que ningunha piscifactoría é viable nin técnica nin economicamente se se sitúa a máis de 100 metros da liña de costa. Sen embargo,  a Xunta ignora este criterio e plantexa retranqueos que, nalgún caso, supoñen separacións de ata 425 metros.

 

Unha actitude semellante leva ao bipartito a rexeitar a instalación de piscifactorías dentro da Rede Natura, pese a que a normativa que regula estes espazos  non o impide sempre que os proxectos dispoñan de estudos de impacto ambiental coas medidas correctoras oportunas.

 

O propio comisario europeo de Pesca, Joe Borg, aclarou no seu momento que o plan de parques do anterior Goberno do PPdeG non estaba en contradición do dereito comunitario.

 

Por iso, Balseiro atribuíu a “razóns de oportunidade política, non exentas de ánimo revanchista” as trabas impostas desde a Xunta a Pescanova para instalar en Cabo Touriñán (Muxía) a maior planta de cultivo de rodaballo do mundo e que, na actualidade, se está a construír en Portugal. Outras empresas están afectadas na actualidade por trabas semellantes. 

 

PERDA DE 30 M€ E INDEMNIZACIÓNS MILLONARIAS

 

Ademais de perda de empregos e de investimentos empresariais, outro dos efectos colaterais da paralización do anterior plan de parques de tecnoloxía alimentaria será a devolución a Bruxelas dunha partida de 30,2 millóns de euros de fondos europeos destinados a promover a acuicultura. O prazo de execución dos proxectos subvencionables remata en setembro de 2008, sen que sexa posible materializalos ata entón.

 

De xeito simultáneo, o PPdeG advirte que a decisión do bipartito de paralizar iniciativas que xa estaban en marcha dará lugar a indemnizacións millonarias que deberá aboar a Xunta, con cartos de todos os galegos, para facer fronte ás reclamacións patrimoniais  das empresas que viron invalidados os seus proxectos coa nova configuración do mapa acuícola galego.