Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR DENUNCIA A COMPLICIDADE DA CONSELLERÍA DE PESCA COAS SITUACIÓNS IRREGURAIS PRODUCIDAS POLO INCUMPRIMENTO DOS PERÍODOS DE RECOLLIDA DA NÉCORA

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2007.- O voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, denunciou hoxe no pleno do Parlamento o compradreo e a complicidade da Consellería de Pesca coas situacións ilegais que se están a producir na campaña de recollida de nécora, xerándose episodios de tensión entre as distintas confrarías de pescadores da ría de Arousa. Esta situación produciuse cando a confraría de O Grove prolongou unilateralmente, o pasado mes de xaneiro,  a súa campaña de recollida de nécora a pesar de que estaba en vigor a veda na captura deste produto.

 

Balseiro explicou que o erro na interpretación das normas foi producido pola inercia da Consellería de Pesca que non aprobou o plan de explotación marisqueira para o presente ano 2007 e o resto das Confrarías seguiron o do 2006 que indicaba como períodos autorizados do 2 ao 5 de xaneiro e do 20 de xullo ao 29 de decembro.

 

O voceiro popular denunciou que esta irregularidade se produxo “diante dos medios de vixilancia dispostos por Pesca, o que demostra certo compadreo e complicidade” desde a propia Consellería.

 

“ A Consellería tampouco fixo nada ante outra irregularidade evidente como foi a non publicación das vendas rexistradas na lonxa da confraría de O Grove” denunciou o deputado e esta situación é unha transgresión evidente do Decreto que obriga a facer as comunicacións das vendas das lonxas nun prazo nun superior as 24 horas.

José Manuel Balseiro instou a Conselleira a explicar as xestións realizadas para evitar no futuro estas graves situacións que provocan enfrontamentos entre as distintas confrarías e achacounas a falta de iniciativa para aprobar un novo plan por unha banda e por outro lado non sancionando o incumprimento do Decreto que obriga a publicar as poxas das lonxas.