Partido Popular de Lugo

A XUNTA RETRASA EN DOUS ANOS A POSTA SEN SERVIZO DAS DEPURADORAS QUE DEBERÍAN ESTAR REMATADAS EN 2008

Santiago, 13 de setembro de 2007.- Ao anunciar, como fixo esta mañá, que todas as rías galegas contarán con sistema de deputación no ano 2010, o presidente da Xunta admitiu que o Executivo que preside non fixo nada nesta materia nos dous anos transcorridos desde a toma de posesión, xa que o Plan de Saneamento das Rías Galegas, que deixara en marcha o PPdeG, contemplaba rematar todas as actuacións en 2008.

 

Jaime Castiñeira, voceiro de Medio Ambiente do Grupo Popular, recorda que o anterior Executivo galego do PPdeG deixara en execución ou pendentes de licitar antes de finais de 2005, todas as obras necesarias para dotar de depuración en 2008, a todas as localidades de máis de 2.000 habitantes equivalentes, cumprindo así a normativa europea neste materia.

 

Pola contra, ao producirse o cambio de Goberno, o novo conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, paralizou a práctica totalidade desas licitación, o que derivou nun retraso mínimo de dous anos. Na práctica, Vázquez actúa como  o conselleiro dos moitos plans e as poucas realidades, xa que leva dous anos facendo anuncios que non pode ou non quere materializar.

Como exemplo da actitude do actual titular de Medio Ambiente, Castiñeira Broz sinala que o Goberno do PPdeG licitou, nos últimos exercicios, unha media de 14 depuradoras por ano, cifra que contrasta coas seis que leva licitado, en dous anos, o Executivo bipartito. Foi precisamente a dinámica do PPdeG a que permitiu que Galicia pasara de contar con só 12 depuradoras no conxunto da Comunidade Autónoma a dispoñer de 190 instalacións, para o que se executaron investimentos de máis de 800 millóns de euros.