Santiago, 5 de setembro de 2007.- O PPdeG promoverá, no Parlamento de Galicia e no Senado, cadansúa iniciativa encamiñada a modificar a lexislación estatal que impide que os armadores podan usar como aval para operacións crediticias os dereitos de pesca que teñen recoñecidos en augas comunitarias.
José Manuel Balseiro, voceiro de Pesca do Grupo Popular de Galicia, explica que o 95% dos afectados por esta limitación son armadores galegos que operan na flota de altura, gran altura e palangreiros de máis de 100 TRB que faenan nos límites xeográficos da Comisión de Pesca do Atlántico Nordeste. Ao non poder inscribir no Rexistro da Propiedade os dereitos de pesca sobre os que son titulares exclusivos, tampouco os poden utilizar como aval para os créditos ou hipotecas que pretenden formalizar con bancos ou caixas de aforro.
O PPdeG considera necesario solventar esta anomalía que limita as posibilidades de negocio dos interesados e non entraña risco algún. A través dun proceso longo no tempo e con elevados custos para algúns dos empresarios que os adquiriron no mercado desembolsando elevadas sumas económicas, eses dereitos pesqueiros están adscritos en exclusiva a cada buque que fai uso deles. De feito, anualmente, a Secretaría Xeral de Pesca Marítima do Goberno central publica no Boletín Oficial do Estado unha resolución na que se actualiza o censo de flotas, reconfirmando a titularidade das empresas armadoras sobre os citados dereitos pesqueiros.
Balseiro Orol entende que o feito de que a práctica totalidade dos afectados por esta limitación legal sexan armadores galegos debería animar ao Parlamento e a Xunta de Galicia a liderar un movemento de presión ante o Goberno central para modificar a normativa de aplicación neste ámbito e facer posible que os armadores podan servirse dos seus dereitos pesqueiros como avais nas operacións crediticias que pretendan formalizar.