Partido Popular de Lugo

O NOVO DECRETO DE COMERCIALIZACIÓN DE PRODUCTOS MARIÑOS PERMITE A EXISTENCIA DUN MERCADO NEGRO DE PEIXE E REDUCE AS GARANTÍAS SANITARIAS E O CONTROL DAS TALLAS

Santiago, 13 de xuño de 2007.- A reforma do decreto autonómico que regula a descarga, primeira venda e comercialización dos recursos mariños en fresco, permite a comisión de irregularidades que, na práctica, poden provocar a aparición dun mercado negro de peixe, vulnerando a normativa sanitaria e a regulación das tallas mínimas, ademais de lesionar os intereses de mariñeiros e comercializadores. Así o manifestou hoxe o  voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, ao formular no Pleno do Parlamento unha interpelación na que pediu explicacións sobre esta anomalía á conselleira do ramo.  

 

PESCA PLAXIA UNHA NORMA DE DIFÍCIL APLICACIÓN

 

Balseiro Orol atribúe estas disfuncións ao plaxio cometido pola Consellería de Pesca, que en lugar de elaborar unha norma adaptada ás necesidades reais de Galicia, preferiu copiala doutras Comunidades Autónomas con características diferentes. “Nin que dicir ten que as normas que poden funcionar noutras Comunidades  Autónomas, cun nivel de flota e descargas que, no mellor dos casos, é a terceira parte da que se comercializa en Galicia, poden ser de difícil introdución no noso mercado”, apuntou o deputado popular.

 

Desde o pasado 24 de xuño de 2006, cando entrou en vigor o Decreto 101/2006, polo que se refunde a normativa vixente sobre descarga, primeira venda e comercialización dos recursos mariños en fresco, está permitida a venda directa destes produtos a calquera tipo de cliente, sempre que esta se efectúe no interior das lonxas. Deste xeito, os particulares poden adquirir directamente unha cantidade non superior, segundo a norma, aos tres quilogramos de produto en cada ocasión, sen que se establezan limitacións para as entradas sucesivas á lonxa na mesma xornada, nin esixencias hixiénicas (os comercializadores e demais persoas que teñen contacto co peixe deben estar en posesión do carné de manipuladores e observar determinadas normas sanitarias).

 

PREXUÍZO PARA MARIÑEIROS E COMERCIALIZADORES

 

Balseiro Orol advirte que a indefinición do decreto promulgado pola Xunta permite que xurdan desequilibrios que poden afectar tanto aos mariñeiros –polo risco de que as novas prácticas se traduzan nun brusco descenso dos prezos das capturas-, como aos comercializadores retallistas, que  desenvolven a súa actividade dentro da lei, con todas as autorizacións administrativas en regra, superando todos os controis sanitarios, dados de alta na Seguridade Social e pagando os impostos correspondentes.

 

A medida, que podería ser aceptable para o consumo doméstico, abre a porta á picaresca desde o momento en que a Xunta non habilitou control algún: non se controla o volume nin as tallas do peixe e marisco adquirido directamente, non se revisa o estado sanitario do produto, nin se esixe o cumprimento da normativa de transporte, entre outras irregularidades.        

 

Esta suma de factores pode conducir á creación dun “mercado negro” de peixe e marisco para surtir a  restaurantes e particulares, sen ningún tipo de garantía sanitaria e co risco de provocar un desplome dos prezos que o comercio retallista contribúe a manter estabilizados, aos que hai que sumar unha incentivación da economía somerxida.

 

FALTA DE RIGOR NORMATIVO

 

O PPdeG cuestiona a falta de rigor que caracteriza a produción normativa da Consellería de  Pesca que, neste caso, promulgou un decreto con consecuencias para toda a cadea de comercialización sen valorar previamente o alcance dese impacto. Aínda que a Consellería afirma ter consensuado o contido do decreto co sector, o certo é que nin as asociacións de comercializadores de peixe, nin a Federación Galega de Confrarías, nin o Consello Galego de Pesca foron requiridos para posicionarse ao respecto, e tampouco se efectuou estudo algún sobre as consecuencias económicas e sociais da medida.