Partido Popular de Lugo

PSOE E BNG REXEITAN UNHA INICIATIVA PARLAMENTARIA DO PPdeG PARA CREAR UN CENTRO DE MAIORES NA COMARCA DA ULLOA, COMPROMETIDO POR PEPE BLANCO NA CAMPAÑA ELECTORAL

Santiago, 14 de xuño de 2007.- Os votos en contra dos grupos socialista e do BNG impediron esta mañá no Parlamento que prosperase unha iniciativa na que o Grupo Popular reclamaba da Xunta a creación dun centro integral para maiores na comarca lucense da Ulloa. Aínda que os grupos que apoian ao Goberno coincidiron nas carencias que presenta esa comarca, rexeitaron a proposta do PPdeG argumentando que a Vicepresidencia da Igualdade do Benestar, que dirixe Anxo Quintana, ten outro tipo de prioridades.

López Abella cuestionou, na súa intervención, as deficiencias da planificación efectuada pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para a distribución xeográfica dos recursos de atención aos maiores e criticou que a comarca da Ulloa fose excluída da dotación de novos servizos. Se Lugo é unha das provincias galegas con máis poboación envellecida, na comarca da Ulloa esa realidade é especialmente acusada, recordou a deputada popular.
 

SOBER, MODELO A SEGUIR
Como exemplo a seguir, López Abella sinalou a residencia de maiores que está a funcionar “extraordinariamente” en Sober, “gracias ao empeño dunha magnífica alcaldesa do PPdeG”, unha actuación que non só contribúe a fixar poboación nas comarcas do interior, senón que tamén permite crear emprego, directo e indirecto, nestas área xeográficas.
 

A voceira de Igualdade do Grupo Popular cuestionou, do mesmo xeito, a actitude amosada pola Vicepresidencia da Igualdade do Benestar, que en lugar de ofrecer solucións ás carencias dos diferentes territorios que presentan deficiencias para a atención ás persoas maiores, se dedicou a “enredar” para tratar de enganar aos usuarios para eludir a responsabilidade da Administración autonómica.
 

A deputada popular amosouse sorprendida pola actitude de socialistas a nacionalistas, aos que acusou se facer un uso “demagóxico” dos servizos sociais e recordou que o propio secretario de organización do PSOE, Pepe Blanco, prometeu, nun acto de campaña electoral, a construción dun centro integral na comarca da Ulloa.
 

COMPROMISOS ELECTORAIS ESQUECIDOS
Susana López Abella interpreta que a actitude amosada hoxe polos grupos que sustentan ao Executivo bipartito pon de manifesto que os socialistas galegos “van por libre” respecto aos compromisos do seu secretario de organización, ao tempo que continúan empregando aos servizos sociosanitarios como “moeda de cambio en épocas electorais, para anunciar proxectos concretos a sabendas de que non os van acometer unha vez superada a cita coas urbas”.