Partido Popular de Lugo

A XUNTA DESCOÑECE O ESTADO DOS RECURSOS PESQUEIROS DE INTERESE PARA FLOTA GALEGA DESDE HAI 2 ANOS

Santiago, 13 de xuño de 2007.- A Xunta de Galicia descoñece, a día de hoxe, o estado real dos recursos pesqueiros que resultan de interese para a flota pesqueira, segundo denunciou hoxe no Parlamento o voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, ao preguntar á conselleira do ramo polas razóns da parálise na que está inmerso o Comité Científico Galego da Pesca, que non se volveu reunir desde  maio de 2005 e nin sequera elaborou o informe anual ao que está obrigado pola normativa autonómica.

 

Creado a través do decreto 24/2004, do 29 de xaneiro, o Comité Científico Galego da Pesca debe reunirse, polo menos, dúas veces ao ano, e, entre outras, ten a obriga de  elaborar un informe anual sobre o estado dos recursos pesqueiros que resultan de interese para a flota galega.

 

A XUNTA IGNORA UN DECRETO QUE CONTINÚA EN VIGOR

 

Balseiro Orol recordou que o decreto continúa en vigor, e polo  tanto, a Consellería incumpriu a súa obriga de convocar ao Consello e, o que resulta aínda máis grave, prescindiu dun informe fundamental para xestionar con eficacia os recursos mariños. Da parálise na que está inmerso o Comité Científico Galego da Pesca dedúcese, a xuízo dos populares galegos, que as escasas medidas que a Consellería de Pesca está a adoptar en relación coa conservación dos recursos adóptanse sen fundamento científico algún.

 

Insistiu o deputado popular en que “coñecer o punto de vista dos científicos  sobre o estado dos recursos pesqueiros resulta fundamental para elaborar políticas pesqueiras viables e para evitar o caos que se ten instalado na Consellería que dirixe Carmen Gallego”.