Partido Popular de Lugo

O PPdeG VOLVERÁ RECLAMAR A CREACIÓN DUN SEGUNDO XULGADO EN CHANTADA A TRAVÉS DUNHA MOCIÓN QUE SE DEBATERÁ NO PRÓXIMO PLENO DO PARLAMENTO

Santiago, 15 de febreiro de 2007.- O Grupo Popular de Galicia volverá reclamar a creación dun segundo xulgado de primeira instancia e instrución para Chantada co fin de superar o colapso que atravesa o único órgano xudicial da localidade. O PPdeG incluirá esta demanda na parte resolutiva dunha moción que presentará nos próximos días no rexistro da Cámara para sometela a debate no próximo pleno do Parlamento de Galicia.

A Cámara autonómica debateu onte unha interpelación formulada polo voceiro de Xustiza e Interior do Grupo Popular, Xesús Palmou, na que este reclamou información ao conselleiro da Presidencia sobre as previsións do Executivo autonómico para solventar as carencias que presentan diferentes órganos xudiciais da Comunidade Autónoma, entre eles o único xulgado de Chantada.

PSOE E BNG REXEITAN UNHA DEMANDA UNÁNIME EN CHANTADA
Como o conselleiro da Presidencia efectuou unha intervención “plana”, na que non ofreceu alternativa algunha, o Grupo Popular elaborará unha moción para instar á Xunta a crear unha serie de unidades xudiciais consideradas imprescindibles para superar o colapso que rexistran determinadas áreas xeográficas da Comunidade Autónoma. No debate de onte, socialistas e nacionalistas volveron acreditar o que Susana López Abella cualifica como “desinterese crónico” por solventar as carencias xudiciais de Chantada.

De feito, o deputado nacionalista Iago Tabarés atribuíu a demanda do PPdeG para crear un novo xulgado en Chantada ao interese persoal de López Abella, cando esa proposta –xa rexeitada noutras dúas ocasións anteriores por socialistas e nacionalistas no Parlamento de Galicia- conta co respaldo unánime de avogados e procuradores, do pleno da Corporación Municipal, e tamén do conxunto da sociedade civil chantadina.

Ese desinterese por mellorar as dotacións xudiciais de Chantada revélase tamén na falta de materialización do compromiso asumido polo director xeral de Xustiza nunha recente visita ao Xulgado de Chantada, na que anunciou ao alcalde a designación dun segundo xuíz de reforzo para tratar de axilizar a tramitación do elevado número de casos que se acumulan pendentes de tramitación.