Partido Popular de Lugo

O PP consegue que a Deputación impulse e colabore economicamente co Centro de Piragüismo provincial e cos sete clubs que existen na provincia que practican esta disciplina

Lugo, 27 de setembro de 2016.- O Grupo Provincial Popular conseguiu sacar a diante unha moción para darlle impulso ao Centro de Piragüismo provincial e tamén para asinar convenios de colaboración cos sete clubs de piragüismo que practican esta disciplina na provincia, contribuíndo economicamente cos mesmos.

 

Os populares sacaron a diante esta proposta, por unanimidade, cunha emenda presentada polo grupo de Goberno que implica unha reserva de crédito para o ano 2017 a favor dos sete clubs da provincia para que sexan eles sexan os que xestionen as actividades que desenvolvan nas escolas de piragüismo. Tamén se establece a mellora das instalacións, a adquisición de material e de equipamento técnico e a posibilidade de contratar monitores e adestradores neste eido, así como facilitar o aloxamento aos posibles candidatos a ir mellorando nesta disciplina deportiva.

 

O deputado José Manuel Yánez Ginzo sinalou que “presentamos esta iniciativa porque consideramos conveniente e necesario que a Deputación de Lugo colabore firmemente co Centro de Piragüismo provincial, que funcionou na zona dos Robles entre 2003 e 2007 e que o daquela Goberno bipartito, presidido polo socialista Gómez Besteiro, decidiu pechar”.

 

Os populares defenderon a importancia que esta actuación ten para o deporte lucense xa que “é por todos sabido que a provincia de Lugo é un referente nesta disciplina. Podemos citar nomes de medallistas olímpicos e de figuras moi distinguidas neste deporte E existen na actualidade sete clubs a nivel competición na provincia”.

 

“É necesario e urxente que o organismo provincial contribúa economicamente cos clubs e que asine convenios de colaboración cos mesmos coa finalidade de que estes fomenten o piragüismo de base entre os mozos e mozas que logo pasarán a formar parte do Centro de Piragüismo”, engadiron.

 

A través desta proposta os populares pedían que “a Deputación, á marxe de continuar utilizando instrumentos, tales como convocatorias de axudas, contratos de patrocinio ou becas para dar maior e mellor cobertura das actuacións deportivas na nosa provincia, colabore de xeito urxente cos diferentes clubs da provincia de Lugo”.

 

O bipartito pechou no 2007 o Centro de Piragüismo

 

Yáñez Ginzo lamentou que “foi no ano 2007, cando o Goberno bipartito pechou o Centro de Piragüismo de Tecnificación Provincial e optou, dende aquela, por facer unha encomenda de xestión á Suplusa para que se encargase da xestión do persoal da Escola de Piragüismo, así como do mantemento das súas instalacións, cun orzamento aproximado de 50.00,00 € para cada ano; limitando, na práctica, a actividade da Escola, onde se imparten cursos unicamente durante o verán”.