Partido Popular de Lugo

Os populares presentaron unha iniciativa ao pleno do xoves na que piden poder dispor dese documento, como paso previo á recepción da subvención que a Deputación outorgará mañá destinada a cubrir as necesidades laborais do centro e mellorar así o seu funcionamento

Sarria, 26 de setembro de 2016.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria presentou unha moción para o seu debate no pleno do xoves na que demandan que a alcaldesa e o presidente da Residencia Nosa Señora do Carme presenten, de forma inmediata e urxente, un informe da situación laboral e prioridades de contratación de persoal do centro. Así o solicitan como paso previo á aprobación, se procede, pola xunta rectora do organismo autónomo Nosa Señora do Carme e máis tendo en conta que mañá a Deputación formalizará unha subvención, a petición do PP, de 120.000 euros destinada a cubrir as necesidades laborais do centro e mellorar así o seu funcionamento.

 

Os populares explican que levan tempo reclamando ese informe que corresponde elaborar aos servizos técnicos para coñecer as necesidades de contratación, posto que hai servizos que non cobren as ratios de persoal, como o de enfermería as 24 horas. Trátase dunha demanda incluída na petición da axuda provincial aprobada hai uns meses tanto no pleno de Sarria como no da Deputación a petición dos populares.

 

O BNG quería privatizar o servizo

Desde o PP lembran que o BNG defendeu a privatización do servizo, algo que os populares impediron. A moción do Grupo Municipal Popular posibilitou conseguir esa axuda da Deputación de Lugo que levaba consigo o compromiso do presidente do organismo e da alcaldesa de facilitar ese informe á xunta rectora, sen que a día de hoxe cumpriran coa súa palabra.

 

Os populares sosteñen que esta forma de operar por parte da alcaldesa “non sorprende” porque “non cumpre nin un só dos acordos que toma o pleno”, pero o PP traslada ademais o seu temor de que a socialista desvíe esa subvención a outros gastos correntes sen investila no fin para o que se ten pedido.

 

“Mañá a Deputación concederá esa axuda, pero aínda non nos fixeron entrega dese informe sobre prioridades asistencias e sabemos que non se cumpren as ratios”, engaden, ao tempo que explican que “co documento na man se pode estimar o persoal cualificado que fai falla da residencia para darlle cumprimento á Lei”.

 

Por todo o anterior, o PP denuncia esta nova actitude neglixente da alcaldesa que só pretende “burlar de novo un acordo do pleno e burlar as funcións da xunta rectora da residencia”.