Partido Popular de Lugo

O PP urxe ao presidente da Deputación a que convoque reunión para a elaboración dos presupostos do 2017 para que poidan ser aprobados “no prazo legalmente establecido” e “evitar que se retrasen como os do 2016”

Lugo, 29 de setembro de 2016.- O Grupo Provincial do Partido Popular rexistrou hoxe un escrito na Deputación de Lugo para urxir ao presidente do organismo provincial a que convoque á maior brevidade posible a reunión cos grupos da oposición para a elaboración dos presupostos do ano 2017 para poidan ser aprobados no prazo legalmente establecido e evitar que se retrasen, como aconteceu cos do ano 2016.

 

A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, puxo de manifesto a necesidade de que se convoque esta xuntaza “á maior brevidade posible para evitar sobrepasar o prazo legal para a presentación das contas”.

 

Candia recórdalle ao presidente provincial que o artigo 168.4 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais (TRLRHL), dispón que: “o presidente da entidade formará o orzamento xeral e remitirallo, informado pola Intervención e cos anexos e documentación complementaria detallados no apartado 1 do artigo 166, ao Pleno da corporación antes do día 15 de outubro para a súa aprobación, emenda ou devolución.”

 

A voceira popular recalca que “quedan apenas 15 días como límite legal para a presentación das contas” e lamenta que “polo momento, non recibimos convocatoria para a celebración desta reunión”.

 

Os populares pídenlle a Campos “responsabilidade”

 

Dende o Grupo Provincial do PP pídenlle ao presidente da Deputación, o socialista Darío Campos, “responsabilidade” e recórdanlle que “o grupo de goberno actual na entidade provincial non conta coa maioría suficiente no Pleno para a adopción de acordos”.

 

“Esixímoslle ao presidente que se poña a traballar e que atenda as súas competencias para dar resposta aos problemas dos cidadáns e evitar así o espectáculo ao que someteron a esta institución para a aprobación das contas do 2016, cando sobrepasaron con creces o prazo establecido legalmente para a presentación das mesmas”, conclúen.